Sanxenxo seguirá limpando os aseos das súas praias cada noventa minutos
Por Redacción
Os aseos das praias de Sanxenxo volveranse limpar un verán máis cada hora e media para garantir a máxima hixiene nestes espazos. Unha esixencia que se iniciou o primeiro verán de pandemia e que o goberno considerou que debe quedar para seguir posicionando ao municipio como un destino seguro e ofrecer un plus de calidade no servizo de praias.
Os módulos de aseos volverán contar tamén con xel hidroalcohólico e unha cobertura a “todo risco” que cubrirá calquera dano ou avaría. O Consello de Turismo deu luz verde o pasado venres á licitación do acondicionamento de praias por case 50.000 euros e a limpeza e mantemento dos baños en 15 areais por 64.995 euros.
Outro dos contratos importantes para a tempada estival que se tratou na sesión foi a adxudicación do servizo de socorrismo á empresa Salvar, formar e socorrer durante dous anos por 1,3 millóns de euros. Para vixiar as dezasete praias con bandeira azul do municipio, a empresa contará cun persoal de 70 persoas entre socorristas e sanitarios.
Ademais, este verán como novidade, ás catro praias xa habituais con socorristas a mediados de xuño (Areas, Silgar, Canelas e Montalvo) sumaranse outras dúas, aínda por decidir. Na praia de Silgar a apertura do servizo adiantarase media hora, ás 11.30, e estenderase trinta minutos máis, ata as 20.30 horas, pero só durante os dous meses de maior afluencia, os de xullo e agosto.
Na sesión tamén se trataron as prórrogas das concesións de servizos en tempada en praias e do resto de actividades náuticas que se practican nos areais. Baltar volverá contar co parque acuático inchable e as pistas deportivas que tiveron un gran éxito durante o ano pasado cando se estrearon. Os quioscos manterán este verán o salto de calidade tanto no confort como na estética das súas instalacións nas praias.
O goberno prevé ter adxudicados os servizos de praias para este verán antes de Semana Santa.
Relacionadas:
-
Areas Gordas estreará este verán un renovado módulo de baños
Por Redacción |
-
Agra, Areas, Bascuas, Canelas, Montalvo, Pragueira e Paxariñas súmanse ás "praias sen fume" de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os socorristas aumentarán o seu horario en Silgar durante os meses de xullo e agosto
Por Redacción |
-
Unha única empresa interésase por xestionar o servizo de socorrismo nas praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sae a concurso o servizo de socorrismo en praias de Sanxenxo por 1,3 millóns
Por Redacción |