Areas Gordas estreará este verán un renovado módulo de baños
Por Redacción
A praia de Areas Gordas, en Sanxenxo, estreará este verán un novo módulo de baños que sustituirá ao actual, que se atopa moi deteriorado como consecuencia do paso do tempo e a acción do salitre. A iniciativa está enmarcada nunha campaña municipal consistente na mellora e substitución de módulos e mobiliario dos distintos areais.
A obra, que terá un custo de 15.000 euros, consistirá na rehabilitación da estrutura de vigas de piares de aceiro galvanizado, a instalación do chan de táboas de madeira con lamas vinílicas e un cerramento de madeira. No interior do módulo colocaranse 7 inodoros, 3 espellos, 3 lavabos, 3 secamáns eléctricos, 3 xaboneiras, 3 dispensadores de xel, 7 portarrollos e 7 colgadoiros. Tamén se instalará un cambiador de cueiros.
A esta remodelación, sumaranse dous módulos novos de aseos que se instalarán nas praias de Pragueira e Foxos este mesmo verán e que supoñen un investimento de case 55.000 euros.
A planificación da tempada de verán comezou xa hai meses en Sanxenxo. De feito, esta mesma semana formalizouse o contrato de socorrismo coa empresa Salvar, Formar e Socorrer, S.L. por 1,3 millóns para os próximos dous veráns. Un total de 70 efectivos entre socorristas e sanitarios encargaranse da vixilancia de praias.
Este verán como novidade, ás catro praias xa habituais con socorristas a mediados de xuño (Areas, Silgar, Canelas e Montalvo) sumaranse outras dúas. Na praia de Silgar a apertura do servizo adiantarase media hora, ás 11.30 horas, e estenderase trinta minutos máis, ata as 20.30 horas, pero só durante os dous meses de maior afluencia, os de xullo e agosto.
E esta mesma mañá abríronse as ofertas para o contrato de acondicionamento de praias para o que se presentou unha oferta, mentres que para o de limpeza e mantemento de aseos mostráronse dúas empresas interesadas. Ambos os contratos saíron a licitación por 50.000 e 65.000 euros, respectivamente. As memorias de ambas as ofertas xa están listas para a súa valoración e está previsto que se adxudiquen nos próximos días.