A Subdelegación do Goberno coloca a súa pancarta con motivo do Día da Muller
Por Mónica Patxot & Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou este venres na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Muller, que permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ata o próximo martes 8 de marzo.
A subdelegada estivo acompañada pola Secretaria Xeral da Subdelegación do Goberno, María Isabel Alonso de Linaje, e a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Manuela Vilaboy.
Maica Larriba lembrou que con este acto simbólico a Subdelegación do Goberno de Pontevedra únese a conmemoración deste día internacional.
Segundo a subdelegada "España é actualmente un referente internacional en avances en igualdade de xénero, debido ás numerosas e relevantes leis e políticas públicas que o Goberno implementou nos últimos anos para combater a discriminación e a desigualdade, e ao seu decidido impulso á integración da igualdade nas políticas sectoriais a nivel europeo".
"Con todo –lembrou a subdelegada– aínda queda espazo de mellora para lograr que as mulleres poidan vivir e desenvolverse con plenitude, sen ningunha molestia engadida polo mero feito de ser mulleres".
Neste sentido, Maica Larriba expresou a "firme vontade do Goberno de seguir despregando medidas públicas que contribúan a acelerar cambios sociais, culturais e organizacionais capaces de garantir contornas igualitarias, diversas e inclusivas e conseguir así que mulleres e homes dispoñan das mesmas oportunidades para construír un proxecto de vida en todos os ámbitos".
No marco desta celebración, o próximo mércores, 16 de marzo, a Subdelegación do Goberno acollerá unha mesa redonda centrada na nova reforma laboral e a situación de desigualdade das mulleres no eido laboral. As poñentes profundarán en como a desigualdade laboral e retributiva é un factor determinante na violencia de xénero, así como noutros temas relacionados coa feminización dos salarios máis baixos, a precariedade, a inserción laboral, o acoso ás mulleres ou o seu peso nos ERTES.
Na actividade, participarán Jaime Cabeza Pereiro, catedrático de Dereito da Universidade de Vigo; Sandra Cid Conde, graduada social en Relacións Laborais e Técnica en Igualdade; e Ana Pouso Lijó, xefa da Unidade Especializada de Seguridade Social da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra.
Así mesmo, a subdelegada anunciou que o próximo martes, 8 de marzo, a Subdelegación acollerá a lectura da declaración institucional do Goberno.
Relacionadas:
-
Precariedade laboral das coidadoras, trata de mulleres e educación contra a violencia machista, tres retos para o 8M en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Agasallan aos usuarios da Praza de Abastos de Marín con tazas coa viñeta do Día da Muller
Por Redacción |
-
Concentración feminista en Bueu para celebrar o Día da Muller o vindeiro martes
Por Redacción |
-
Unha sesión de contos deu o pistoletazo de saída á programación de Caldas polo Día da Muller
Por Redacción |
-
Barro reflexionará o 8M sobre a situación das mulleres da man de tres veciñas
Por Redacción |