Cae unha ladroa de coches tras retirar 1.500 euros dun caixero de Vilagarcía cun DNI roubado
Por Redacción
Unha muller de 32 anos, veciña de Ribeira (A Coruña), foi detida pola Garda Civil acusada de roubar no interior dunha decena de coches aparcados en garaxes comunitarios dos municipios pontevedreses de Lalín e Silleda.
En todos os roubos, segundo informa o instituto armado, a autora utilizou un extintor para fracturar os portelos dos vehículos e levar os obxectos de valor que había dentro.
A muller puido ser identificada polos investigadores despois de que usase o DNI que subtraeu nun dos coches para retirar 1.500 euros en efectivo nunha entidade bancaria de Vilagarcía de Arousa.
Antes de desprazarse ata esta localidade para retirar a práctica totalidade do saldo que había na conta da vítima, primeiro comprobou canto diñeiro había desde un caixeiro de Ribeira.
A Garda Civil detivo á sospeitosa na área de servizo da autovía AP-53, en Silleda.
Os axentes comprobaron que a muller tiña amplos antecedentes policiais, aos que agora se lles suman delitos de roubo e furto en vehículos, ademais doutros de estafa e usurpación de estado civil, por utilizar a identidade doutra persoa para retirar o diñeiro do banco.
O vehículo que conducía a detida cando foi localizada quedou inmobilizado na estación de servizo, despois de que a muller dese positivo na proba de drogas que lle realizaron membros do Equipo de Atestado do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Lalín.
O xulgado de instrución de garda de Lalín, tras a comparecencia da detida en sede xudicial, decretou a súa liberdade provisoria con cargos.
Relacionadas:
-
Un vigués detido por roubar nunha vintena de coches en Bueu e Cangas
Por Redacción |
-
A Audiencia celebrará esta semana un macroxuízo contra 17 persoas acusadas de tráfico de heroína
Por Oskar Viéitez |
-
Os controis de tráfico despregados na Illa de Arousa na noite do sábado lanzan un sorprendente balance
Por Oskar Viéitez |
-
Tráfico confisca un vehículo por reiteración de delitos contra a seguridade viaria do seu propietario
Por Oskar Viéitez |