A Audiencia celebrará esta semana un macroxuízo contra 17 persoas acusadas de tráfico de heroína
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves día 18 de marzo un macroxuízo contra 17 persoas por tráfico de estupefacientes.
A Fiscalía Antidroga acúsaos de introducir en Galicia importantes cantidades de heroína procedentes no seu maior parte de Madrid, de mans de mafias turcoalbanesas.
Ademais de cidadáns de nacionalidade española, entre os acusados hai individuos procedentes de Turquía, Albania, Romanía, Paraguai e Portugal.
O caso procede do xulgado de instrución e primeira instancia de Cangas e a operación foi levada a cabo polo Equipo contra o Crime Organizado da Garda Civil (ECO Galicia) e nela comisáronse un total de 8 quilos de heroína en diversas intervencións, unha delas na estrada de Vilagarcía a Pontevedra.
A Fiscalía considera que estas persoas "viñan dedicándose, de maneira permanente e constante, á actividade de compra e posterior distribución ao por maior e polo miúdo de heroína por todo o territorio da comunidade autónoma galega sendo plenamente conscientes do dano que así xeraban para a saúde pública".
A Fiscalía Antidroga tamén apunta que este grupo adulteraba a droga en dúas cocheiras que a organización tiña nunha céntrica rúa de Vigo e que utilizaban como laboratorio.
Os acusados enfróntanse a penas que van desde os 17 anos e case un millón de euros de multa que solicita a Fiscalía para o que sitúa como xefe da organización aos 4 anos e medio.
Relacionadas:
-
Detida unha muller de 67 anos que vendía droga polo miúdo desde un coche
Por Natalia Puga |
-
Os controis de tráfico despregados na Illa de Arousa na noite do sábado lanzan un sorprendente balance
Por Oskar Viéitez |
-
Cae unha ladroa de coches tras retirar 1.500 euros dun caixero de Vilagarcía cun DNI roubado
Por Redacción |