Detida unha muller de 67 anos que vendía droga desde un coche entre Virxe do Camiño e Eduardo Pondal
Por Natalia Puga
Axentes do grupo de Prevención da Delincuencia da Policía Nacional de Pontevedra detiveron a unha veciña da cidade de 67 anos que foi sorprendida rendo vendía droga polo miúdo na confluencia das rúas Virxe do Camiño e Eduardo Pondal.
A muller foi detida como presunta autora dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas, en concreto, cocaína.
Os axentes deste grupo policial, os coñecidos como Linces, recibiron unha serie de informacións de compañeiros doutras unidades da Comisaría que lles alertaban de que se podería estar a vender droga polo miúdo nesa zona, cunha continua trasfega de persoas para adquirir substancias estupefacientes.
En base a esas informacións, policías iniciaron as pescudas e lograron incautar varias vendas de pequenas cantidades de cocaína a outros tantos compradores.
Nas súas vixilancias puideron presenciar tamén que unha muller subiuse á beirarrúa co seu vehículo para levar a cabo o intercambio de substancias con varias persoas mozas.
Os axentes policiais interceptaron o vehículo conducido pola muller e identificárona. Dentro do turismo, atoparon nun habitáculo 34 envoltorios de substancia estupefaciente que, a falta das análises definitivas, era cocaína.
Ademais de rexistrar o vehículo, realizaron un cacheo de seguridade da muller e atoparon no peto da cazadora 175 euros en billetes fraccionados e no interior do seu bolso tres envoltorios máis de cocaína.
Xa na Comisaría, atoparon na roupa da muller outros 17 envoltorios de cocaína e máis billetes e moedas, ata un total de 200 euros en billetes e 41,30 euros en moedas.