Gregorio Agís invita ao PP a levar ante a Valedora do Pobo "o sucedido coa depuradora ou que está a pasar agora mesmo coa PO-308"
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo do Concello de Poio, o socialista Gregorio Agís, sae ao paso do anuncio realizado polo voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Ángel Moldes sobre acudir á Valedora do Pobo para denunciar as avarías rexistradas na Caeira.
"Parécenos bastante triste que o señor Moldes acuda a unha figura tan importante para contar esaxeracións e terxiversar a realidade, algo ao que, por desgraza, xa nos ten afeitos", sinalou. "Cousas mellores ten que facer a Valedora do Pobo e, por iso, queremos darlle algunhas ideas ao PP", ironiza.
Así, Agís lembra "o bloqueo de varios anos" á depuradora de Samieira, Raxó e a Granxa, na que a Xunta "xogou á confrontación sen buscar solucións reais" e que "tivo que solucionar o Goberno de España, a través de Acuaes".
"Ou, sen ir máis lonxe, co que está a suceder coa PO-308, a estrada do litoral, que recibe investimentos millonarios de preto de 4 millóns ao paso por Sanxenxo e está abandonada por completo ao paso por Poio", di Gregorio Agís que lembra que a meirande parte das incidencias que se rexistran nesta zona de San Salvador "céntrase en dúas rúas" e incidiu en que "desde o Concello, ademais de tratar de dar sempre a reposta máis rápida posible para que se realicen as reparacións pertinentes, tamén estamos a traballar en accións encamiñadas a poñer punto e final estes problemas".
O edil do goberno local ve "ridículo e lamentable" que o Partido Popular traslade "as súas esaxeracións á Valedora do Pobo co único propósito de confundir á veciñanza e continuar con esa campaña de medidas verdades e ruído que caracteriza ao grupo da oposición, especialmente desde o lidera o señor Moldes, experto nesas lides".
Máxime, engadiu, cando "por un lado fai estas esixencias e, por outro, se opón a proxectos de rehabilitación e mellora como o que imos acometer no núcleo da Puntada, Saíñas e Portosanto, que se fará realidade a pesar do voto en contra do PP".
No que se refire á dotación de servizos básicos, Gregorio Agís lembra que os informes técnicos corroboran que estes servizos chegan a practicamente o 90% do territorio, algo "moi meritorio se temos en conta a dispersión xeográfica de Poio e o número de habitantes, por riba dos 17.200".
Ese mérito aumenta, recalca o edil de Urbanismo, "cando en Poio, por desgraza, nunca recibimos investimentos millonarios por parte da Xunta de Galicia nesta materia, como si sucede noutros concellos gobernados polo PP, como é o caso de Lalín, Mos ou Cerdedo-Cotobade".
"En vez de ir a tratar de confundir á Valedora do Pobo, quizais o señor Moldes debería preguntar ao seu partido por que eses investimentos nunca chegan a Poio, ata o punto que tivo que ser o Estado quen resolvese o problema histórico da depuración de augas en Raxó e Samieira, materia da que é titular a Xunta de Galicia".
Por outra parte, Gregorio Agís apuntou que "resulta ata traxicómico que o señor Moldes se atreva a falar de deficiencias nas redes de abastecemento ou saneamento o mesmo día no que a prensa publica que Augas de Galicia vai insuflar 6,7 millóns de euros a dedo en Lalín".