Os socialistas de Poio cargan contra a Xunta pola falta de investimentos na PO-308
Por Redacción
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio critica duramente o que considera "un partidismo atroz" por parte da Xunta de Galicia e, máis concretamente, pola Consellería de Infraestruturas pola xestión da PO-308.
Cuestionan os socialistas como é posible que, mentres que en Poio as melloras "anunciadas en mil e unha ocasións" na PO-308 vaian "a obriña por mandato", noutros concellos da periferia como Sanxenxo se estean a impulsar convenios e obras de forma simultánea, por valor de máis de 4 millóns de euros.
"Non criticamos esas obras nin poñemos en dúbida a súa necesidade, pero non hai nada que xustifique que para a Xunta do PP a veciñanza de Poio sexa de segunda. Estase a facer un reparto de fondos e esforzos por parte do Goberno de Feijóo que responde unica e exclusivamente ás cores políticas", denuncia o voceiro socialista, Gregorio Agís.
Agís aporta datos á hora de defender os seus argumentos. "Das últimas 9 sendas licitadas, seis corresponden a concellos nos que goberna o Partido Popular. É un partidismo atroz e insorporable, do que estamos fartos e cansos. Agora que se anuncia a marcha de Núñez Feijóo a Madrid, quizais sexa un bo momento para que a Xunta deixe de actuar con tanto sectarismo e o faga con máis responsabilidade", esixe.
O voceiro socialista incide en que "o agravio comparativo é intolerable. En Sanxenxo vanse investir 2,5 millóns de euros no tramo da PO-308 que pasa por Portonovo, ao que hai que sumar outros investimentos millonarios previos na mesma estrada, sempre no término municipal de Sanxenxo. E agora, por se fose pouco, a Xunta achega outros 900.000 euros para a estrada PO-504 de Vilalonga. Aquí seguimos a agardar por unha actuación integral da PO-303 en Samieira, que é tan necesaria ou máis", incide Gregorio Agís.
O concelleiro tamén agarda que "se algún día a Consellería de Infraestruturas se digna a acometer máis obras na PO-308 en Poio, agardamos que estean á altura das que se fan en Sanxenxo. Porque a comparación entre como quedou o tramo Raxó - Samieira e o de Canelas - A Lanzada é o perfecto reflexo do maltrato hacia a veciñanza de Poio", conclúe o voceiro do PSOE.
Relacionadas:
-
Agís carga contra a Xunta por modificar o proxecto da PO-308 entre Fontenla e Combarro suprimindo aparcamentos
Por Redacción |
-
O proxecto de mellora da PO-308 será presentado "nas próximas datas"
Por Redacción |
-
Gregorio Agís invita ao PP a levar ante a Valedora do Pobo "o sucedido coa depuradora ou que está a pasar agora mesmo coa PO-308"
Por Redacción |
-
"Non podemos permitir que despois de tanto tempo de espera se deixe unha parte do pobo sen a mellora comprometida"
Por Oskar Viéitez |