Dúas das imaxes 'desaparecidas' da Capela do Balneario volven a casa
Por Redacción
Rodeadas do mesmo misterio co que desapareceron hai xa tres anos, dúas das imaxes da Capela do Balneario volveron a casa. Apareceron hai uns días xunto á porta do templo. Trátase das tallas do Sagrado Corazón de Xesús e da Santísima Trindade.
A 'viaxe' que as tivo uns tres anos fóra da capela pasoulles factura e regresaron con danos. O Sagrado Corazón de Xesús ten unha man rota e á Santísima Trindade fáltanlle as dúas mans.
A recuperación destas dúas figuras é motivo de alegría para o Concello de Ponte Caldelas que, agarda que as persoas que aínda teñen nas súas mans as imaxes que faltan tamén as devolvan para que poidan ocupar de novo o seu lugar na vella capela.
E é que faltan aínda tres das imaxes. O Can de San Roque, o animaliño que agarda sempre fiel aos pés do seu amo, unha figura que os veciños coñecen como ‘O Bispo’ e unha cruz pequena que se empregaba nos oficios relixiosos.
No altar da capela, tamén coñecida como a Capela de San Roque, quedaran só tres imaxes: San Roque (sen o can), o Perpetuo Socorro e a Virxe de Fátima.
O alcalde explica que a intención do Concello é recuperar e poñer en valor esta instalación, construída no ano 1907 por Benito Corbal Estévez, ao mesmo tempo que se realiza a construción da futura Estación Termal de Ponte Caldelas.
A capela, que acollía misa cada 16 de agosto por San Roque, nunca prestou servizo regular, pero moitas parellas de Ponte Caldelas e da contorna casaron alí antes do seu abandono definitivo, a principios do século XXI.