Atenden tres persoas tras producirse un incendio na súa cociña
Por Redacción
Os tres ocupantes dunha vivenda da rúa Loureiro Crespo tiveron que ser atendidos este sábado polos servizos sanitarios de urxencia debido ao incendio na súa cociña.
O suceso rexistrouse pouco antes das dúas da tarde despois de que ardese a campá extractora da cociña.
O equipo médico do 061 atendeu in situ aos tres ocupantes da vivenda, que presentaban síntomas de intoxicación por inhalación de fume. Non necesitaron traslado hospitalario.
Este operativo activouse tras recibir no 112 Galicia un aviso por parte do equipo sanitario de urxencia, que informaba dun lume nunha casa habitada en Pontevedra.
Con esta información, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Pontevedra, así como dos axentes da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.