Un xogo de mesa para educar en Igualdade e saber máis de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
O Concello repartiu este mércores gratuitamente ó alumnado dos centros educativos públicos do municipio o xogo 'Ponte Caldelas en Igualdade'.
Trátase dunha proposta que ten ós Bolechas como protagonistas e que busca que as familias traballen a igualdade nos fogares a través do xogo educativo e, ó mesmo tempo, coñezan un pouco máis do concello a través de preguntas relacionadas co municipio.
O Concello busca con esta iniciativa "inculcar a igualdade real e efectiva no alumnado de infantil e primaria" para que "as nenas e nenos de Ponte Caldelas, que son os futuros adultos do municipio, conformen unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e, en definitiva, máis feliz", indica o alcalde, Andrés Díaz.
ACTO DO 8M
O Concello conmemorou o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, cun acto na Casa da Cultura de Ponte Caldelas no que catro veteranas traballadoras falaron das súas experiencia como empresarias, como nais que precisaron conciliar familia e traballo e falaron tamén de cómo ven o futuro dos seus negocios, a maior parte deles sen relevo xeracional.
Arlinda, que rexenta o bar e ultramarinos Casa Xustáns; Marosa, farmaceutica; Rosa, que rexenta unha tenda de moda; e Mari, que rexenta unha peluquería repasaron décadas de esforzo, superación, valentía e adicación ós seus negocios e á súa familia.
Foi un encontro moi próximo, conducido pola concelleira Leticia Rocha, e cunha decoración realizada pola concelleira Aurora Garrido. O acto serviu de homenaxe a todas as mulleres traballadoras de Ponte Caldelas, a todas as emprendedoras e a todas que realizan un traballo non remunerado nos fogares.
O acto estivo amenizado pola música da cantautora galega MJ Pérez e ó remate tivo lugar un pincho de confraternidade no que continuou debatindo de maneira máis distendida sobre o traballo feminino.
Relacionadas:
-
A busca de emprego e reducir a fenda dixital entre mulleres, obxectivos do 'Espazo empodera'
Por Redacción |
-
A figura da muller na arte, protagonista do novo deseño da Orbil Parade
Por Raquel Currás Martínez & Mónica Patxot |
-
O Teucro presenta unha camiseta morada para reivindicar a súa tradición feminista
Por Manu Otero |
-
Homenaxe ás praceiras "que enchen de vida" o Mercado de Pontevedra
Por Redacción |