A Semana Galega de Filosofía presenta o seu programa cunha ollada crítica aos discursos hexemónicos
Por María José Pita
Este venres presentábase o programa da XXXVIII Semana Galega de Filosofía. Entre o luns 18 de abril e o venres 22 desenvolveranse en Pontevedra unha serie de conferencias ao redor do tema 'Filosofía e contrahexemonías'.
Segundo explica Alexandre Cendón, o coordinador da Aula Castelao de Filosofía, "é necesario reflexionar, debater e traer á luz os discursos que hai contra o pensamento hexemónico, esa supremacía que domina en todos os ámbitos, e visibilizar os discursos que se opoñen aos poderes establecidos". Neste sentido, aínda que a situación en Ucraína non ía ser obxecto das xornadas cando foron concibidas meses atrás, Cendón adianta que varios relatores incluirán nas súas conferencias un conflito que tristemente hoxe si está na axenda política internacional malia que xa se cumpren "oito anos de guerra e 14.000 mortos".
A imaxe do cartel desta 38 edición recolle unha lámina de Castelao pertencente ao álbum ilustrado "Galiza mártir" adicado á guerra, e que reflicte todo o terror da Guerra Civil española. Nesta ilustración recóllese o momento previo ao que unha persoa sexa fusilada no paredón. Con toda a dignidade, o home, brazo en alto, berra unha reivindicación "polos pobres do mundo".
A Semana Galega de Filosofía celebrarase no Teatro Principal en sesións de mañá (de 10:30 a 13:30h), tarde (de 17:00 a 19:00h) e noite (de 20:00 a 22:00h). As conferencias da mañá terán un contido filosófico máis amplo; nas da tarde abordarase a temática dende o ámbito galego e, como novidade, con contidos pedagóxicos enfocados aos docentes; a noite está dirixida a público máis xeral e non circunscrita a relatores unicamente filósofos.
Atilio Borón, sociólogo e politólogo referente na análise da política latinoamericana abrirá os relatorios na mañá do luns 18 de abril. A lección de clausura correrá a cargo de Victoria Sendón de León, doutora en Filosofía e escritora, militante no feminismo desde os anos 60 e moi crítica co sistema patriarcal que, asegura, consolida tres eixos: a violencia sobre a terra, as guerras e a subordinación das mulleres, e fronte ao que só cabe unha rotura total que revirta todo o sistema. Neste sentido, considera que a perspectiva de xénero non é a solución, senón adoptar un cambio radical.
PROGRAMA DA XXXVIII SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA
LUNS 18 DE ABRIL
10:30
Atilio Borón (Universidad de Buenos Aires) – O imperialismo no novo escenario internacional
17:00
Pepe Cabido (profesor de Filosofía no IES Antón Fraguas de Santiago) – Da masculinidade hexemónica á masculinidade disidente: unha experiencia pedagóxica
20:00
Jule Goikoetxea Mentxaka (Eukal Herriko Unibertsitatea) – Sobre a contrahexemonía patriarcal, nacional e neoliberal: aquí e agora
MARTES 19 DE ABRIL
10:30
Carlos Fernández Liria (Universidad Complutense de Madrid) – Elucidación do concepto de contrahexemonía. A necesidade dun discurso forte para a esquerda.
17:00
Anxo Quintela (xornalista e locutor da Radio Galega) – Galician Broadcasting Corporation. O que queremos para a Galega
20:00
Olga García Fernández (profesora de Filosofía no IES Julio Verne en Bargas, Toledo) – Escola contrahexemónica: a escola do coñecemento
MÉRCORES 20 DE ABRIL
10:30
Abraham Rubín (doutor en Filosofía, docente e investigador independente) – Inconsciente, devir cósmico e despregamento psíquico. Figuras de autorrevelación en Schelling e Jung a partir de linguaxes simbólicas sagradas
17:00
Liceo Mutante, Rede de Mulleres Veciñasis contra os Malos Tratos de Vigo, Miudiño e SCG (movementos sociais) – Formas de organización e praxe contrahexemónica
20:00
Eicardo Antunes (Universidade Estadual de Campinas, Brasil) – A classe trabalhadora no capitalismo pandémico: rumo á uberizaçao do trabalho?
XOVES 21 DE ABRIL
10:30
Óscar Horta (Universidade de Santiago de Compostela) – A consideración moral dos animais non humanos: unha introdución ao especismo
17:00
Montse Fajardo Pérez (escritora e xornalista) – As memorias proscritas
20:00
Najat El Hachmi (escritora) – Feminismo inclusivo, feminismo relativista
VENRES 22 DE ABRIL
10:30
Raquel Cardeira Varela (Universidade Nova de Lisboa) – Do adeus ao trabalho á falta de trabalhadores. Trabalhadores e o capitalismo hoje
17:00
Tiffany López Ganet (arquitecta e doutora en Educación Artística) – desdeanticontrapostCOLONIAL
20:00
Victoria Sendón de León (doutora en Filosofía e escritora) – Lección de Clausura: A contrahexemonía nos tempos do cólera
Relacionadas:
-
Francisco Jarauta abrirá en abril a Semana Galega da Filosofía
-
A Aula Castelao pecha a Semana de Filosofía cunha chamada a "unha política que coide da vida e non do capital"
Por Oskar Viéitez |
-
Carlos Taibo, na Semana Galega de Filosofía: "A dependencia entre a Unión Europea e Rusia é mutua"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Unha conferencia sobre Ucraína abrirá a Semana Galega de Filosofía, que pasa ao Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
Ucraína estará presente na Semana Galega de Filosofía a través das "contrahexemonías" e o pensamento único
Por Mónica Patxot & María José Pita |