Carlos Taibo, na Semana Galega de Filosofía: "A dependencia entre a Unión Europea e Rusia é mutua"
Por Redacción & Mónica Patxot
Cunha conferencia impartida por Carlos Taibo, arrancou este luns en Pontevedra a trixésimo oitava edición da Semana Galega de Filosofía, que se celebra este ano baixo o título de Filosofía e Contrahexemonías.
Taibo, profesor da Universidade Autónoma de Madrid, centrou a súa intervención no conflito armado desatado en Ucraína tras a invasión protagonizada polo exército ruso, sinalando ademais a "parte de culpa" que teñen Estados Unidos, a Unión Europea ou a OTAN.
"Non hai ningunha xustificación para a intervención militar", aclarou o relator, que subliñou que "quen pense a estas alturas que na Rusia de Putin ou entre os seus aliados locais hai algún proxecto antifascista, ten un problema grave de ordenamentos dos feitos".
A Rusia de Putin, explicou, "é unha mestura de discurso, nacionalismo bélico, defensa dos valores tradicionais, da familia, da sociedade patriarcal ou da igrexa ortodoxa", ao que engadiu que "en certa medida" tamén é produto da "prepotencia e ignominia" dos Estados Unidos.
Tras sinalar a "dependencia mutua" que hai entre Rusia e os membros da Unión Europea, este experto deixou claro que "se alguén en Ucraína quere salvar a vida, debe colocar o seu asentamento preto dun oleoducto. Ninguén os bombardea: nin os rusos nin os ucraínos".
Carlos Taibo non obviou a responsabilidade que aprecia nas potencias occidentais porque considera que a OTAN desenvolveu un cerco sobre Rusia nos últimos anos, establecendo unha serie de bases militares ao seu ao redor, contradicindo os compromisos anteriores.
Para el, o "miolo" da reconstrución social que debe afrontar o mundo está "nunha serie de verbos", entre os que citou "decrecer, desurbanizar, destecnoloxizar, despatriarcalizar, descolonizar, descomplexizar e desmilitarizar as nosas vidas e as nosas sociedades".
"Non vexo nada disto nas políticas dos nosos gobernantes, ningunha conciencia dos límites, ningún proxecto que apunte á redistribución da riqueza, nin de artellar proxectos colectivos e comunais como os que precisamos con urxencia e non vexo claro ningún horizonte de desmilitarización das relacións", sentenciou.
Nesta primeira xornada desta Semana Galega de Filosofía tamén participou Pepe Cabido, profesor de Filosofía no IES Antón Fraguas de Santiago, que analizou desde unha perspectiva pedagóxica o cambio da masculinidade hexemónica á masculinidade disidente.
As conferencias pechounas a filósofa, escritora e activista Jule Goikoetxea Mentxaka, docente de Ciencias Políticas na Universidade do País Vasco, que dentro do espazo dedicado ás perspectivas contrahexemónicas falou de patriarcado, nacionalismo e neoliberalismo.
A Semana Galega de Filosofía, que este ano celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra, ofrecerá ata quince conferencias para reflexionar sobre os discursos e prácticas diferentes ou opostas ás comunmente aceptadas desde os poderes políticos, económicos e culturais.
Na sesión inaugural, o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, apuntou que a contrahexemonía é unha "constelación de posibilidades", ás que este foro busca achegarse desde a filosofía "para fomentar discursos libres, transgresores e comprometidos".
"Agora máis que nunca é preciso loitar contra a idea do discurso único, do pensamento homoxéneo", engadiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou que a súa temática "dea xusto na diana da actualidade" ao tratar asuntos como o imperialismo, o capitalismo, a masculinidade hexemónica ou o feminismo, entre outros
Relacionadas:
-
Santiago Auserón, ex de Radio Futura, pechará unha Semana Galega de Filosofía centrada no papel da arte na sociedade
-
Francisco Jarauta abrirá en abril a Semana Galega da Filosofía
-
A Aula Castelao pecha a Semana de Filosofía cunha chamada a "unha política que coide da vida e non do capital"
Por Oskar Viéitez |
-
Unha conferencia sobre Ucraína abrirá a Semana Galega de Filosofía, que pasa ao Pazo da Cultura
Por Redacción |
-
A Semana Galega de Filosofía presenta o seu programa cunha ollada crítica aos discursos hexemónicos
Por María José Pita |
-
Ucraína estará presente na Semana Galega de Filosofía a través das "contrahexemonías" e o pensamento único
Por Mónica Patxot & María José Pita |