#xornalistasnapandemia, un retrato dunha profesión que "merecería que a súa voz se escoitase"
Por Redacción
'#xornalistasnapandemia' foi un proxecto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) no que entre outubro de 2020 e xuño de 2021 entrevistaron a 29 profesionais da comunicación de Galicia para falar da época convulsa que se estaba a vivir e a súa cobertura informativa. Agora, cando parece que o peor da pandemia está a pasar, acaba de converterse nun libro.
As entrevistas que estaban na web do CPXG pasaron a formato libro coa colaboración da Deputación de Pontevedra e agora perdurarán no tempo, en palabras da coordinadora do proxecto e vicedecana do Colexio, Belén Regueira Leal, para que sirva de "testemuño para o futuro" sobre como afrontar uns tempos "tan incertos e tan escuros".
"A memoria dixital é tan fráxil que seguimos necesitando obxectos físicos que legar á seguinte xeración", lembrou Regueira, que presentou o libro o pasado sábado no Salón de Plenos do Pazo Provincial de Pontevedra xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, e o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria.
Belén Regueira subliñou que todos os xornalistas presentes no libro "merecen recoñecemento" e nestas entrevistas "están representando a outros moitos e moitas" que tamén "merecerían que a súa voz se escoitase".
A presidenta da Deputación destacou que o libro representa a voz dun xornalismo "valente", e aproveitou que nas entrevistas "se fala de maneira continuada de precariedade" para denunciala, pois "a actividade do xornalismo non pode ser precaria de ningunha forma, porque iso impide que poida contarse o que está a acontecer".
O decano do Colexio de Xornalistas considera que a pandemia foi "unha proba de lume para a profesión", na que "tivo que ser un BOE o que nos lembrara que éramos, e somos traballadores esenciais" e está convencido de que "o colectivo saíu airoso".
O libro recolle un total de 29 entrevistas con profesionais galegos da comunicación que participaron na cobertura informativa da pandemia tanto desde Galicia como desde outras comunidades ou países. Foron 14 homes e 17 mulleres de diferentes xeracións, medios e perspectivas.
Os xornalistas entrevistados na publicación son María Piñeiro, David Lombao, Dulce García, Tamara Montero, Manuel Rey, Jessica Mouzo, Ana Blasco, Artur Galocha, Brais Lorenzo, Cristina de la Vega, Fernando Varela, Cristina Olea, Luís Pardo, Ubaldo Cerqueiro, Beatriz Vila Couto e Susana R. Castro, Xan Freire, Natalia Alonso, Érika Reija, Xosé Hermida, Kiko Novoa, Marta Veiga Izaguirre, Ángel Paniagua, Lara Graña, Cristina Díaz Pardo e Rubén Rodríguez, Xurxo Salgado, Manuel Rico, Xiana Cid, Mónica Vila Ferreirós e Patricia Hermida.
As autoras e autores das entrevistas foron Ana González Liste, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén López Rodríguez, Eliana Martíns Alvela, Valeria Pereiras Reza, Belén Regueira Leal, Mónica Rosas Conde e Matilde Vázquez Rojo, todos eles membros da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas. Ademais, contouse coas fotografías de Xoán A. Soler, Lino Escurís, Óscar Pinal, Guillem Ferrerons, Tamara de la Fuente, Fran Piñeiro, Santi Alvite, Iván Makarov, Ramiro Santos, Sebas Senande, Óscar Vázquez e Gaspar Somoza.
As entrevistas ofrecen unha panorámica non só da capacidade do xornalismo para informar sobre a covid-19, senón tamén dos desafíos aos que se enfronta a profesión neste momento, en Galicia e en todo o mundo.