Medio centenar de chefs competirán en Pontevedra no primeiro campionato de tapas de Galicia
Por Manu Otero
Pontevedra acende os seus fogóns para recibir os mellores cociñeiros de tapas de Galicia. A concellería de Promoción Económica e Turismo e a Academia da Tapa e o Pintxo abren o prazo de inscricións para que chefs das catro provincias galegas midan as súas destrezas no primeiro Campionato de Tapas de Galicia, un evento en formato showcooking que se celebrará na Boa Vila durante os días 2 e 3 de maio.
Os participantes neste certame, referente da hostalería galega, optarán a máis de 3.000 euros en premios.
A convocatoria está especialmente dirixida para profesionais en activo, representantes dun establecemento hostaleiro situado en A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra que dispoña de bar e teña unha oferta de pinchos ou tapas continuada ao longo do ano.
O prazo de inscricións permanecerá aberto ata o día 11 abril a través do formulario habilitado na páxina web do campionato: www.academiadelatapa.com/i-campionato-de-tapas-e-galicia-pontevedra-2022- gallego/.
O programa da competición foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que interviron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente da Academia da Tapa e o Pintxo, Mikel Martínez, e a responsable da firma Carta Blanca, Elena Vitoria.
"Este primeiro e pioneiro Campionato de Tapas de Galicia supón outro enorme paso adiante dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro e no noso decidido obxectivo de converter a esta cidade en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023", declarou a concelleira socialista.
Blanco asegurou que o evento vai ser "espectacular". Os participantes cociñarán en tres boxes de cociña instalados sobre un escenario e será transmitido vía streaming desde a canle de Youtube do Concello de Pontevedra, así como das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro.
Os cidadáns serán os primeiros en degustar as creacións do campionato. "Ademais das dúas emocionantes xornadas de competición, o evento terá como preámbulo a primeira Ruta de Tapas de Galicia, na que se lle dará á cidadanía a oportunidade de degustar as creacións do Campionato. Entre o 22 de abril e o 1 de maio, as barras dos bares participantes porán a disposición do público o pincho do concurso", adiantou a concelleira.
Pola súa banda, o presidente da entidade organizadora, Mikel Martínez, enfatizou que “para a Academia da Tapa e o Pintxo, que este Campionato se celebre en Pontevedra é unha honra, porque é unha cidade con grandes e recoñecidos valores turísticos e gastronómicos”.
O I Campionato de Tapas de Galicia - Pontevedra 2022 desenvolverase en dúas intensas e apaixonantes xornadas de talento gastronómicas nas que participarán medio centenar de cociñeiros das catro provincias galegas. Na última xornada do certame o xurado dará a coñecer os gañadores das trece categorías.
Relacionadas:
-
Ao rico tapeo para demostrar o "alto nivel" da cociña en miniatura de Galicia e a Boa Vila
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Bota a andar a pioneira Ruta de Tapas de Galicia, con 17 paradas en Pontevedra
Por Redacción & Diana Eiras |
-
'Ponte Almorzo', nova iniciativa para impulsar a hostalería de Pontevedra
Por María José Pita |
-
A Estrela Michelín Yolanda León presidirá o xurado do I Campionato de Tapas de Galicia
Por Redacción |
-
Pontevedra albergará en maio o primeiro concurso de tapas e petiscos de Galicia
Por Manu Otero |
-
A Boa Vila tamén quere ser a sede do primeiro Campionato Galego de Pinchos e Tapas
Por Redacción |