Avanza a rexeneración das praias da Carabuxeira e Lavapanos
Por Redacción
Nauta Sanxenxo iniciará esta semana o estudo topográfico e de batimetría nas praias da Carabuxeira e Lavapanos, dentro dos trámites necesarios para a realización de achegas de árido en ambos areais.
Con estes traballos coñecerase o estado actual do perfil das praias e, no caso da Carabuxeira, a evolución e o estado da rexeneración do areal efectuada hai un ano. Ademais, tamén se tomarán mostras para caracterizar a area que se poida extraer en distintos puntos da lámina de auga da contorna.
O alcalde, Telmo Martín, presidía na mañá deste martes a comisión de seguimento da rexeneración das praias na que estiveron representantes da xefatura territorial de Costas e de Portos de Galicia. Durante a reunión abordáronse cuestións relativas á realización destas achegas de area puntuais en ambas praias ata 2025, así como o estado da tramitación do proxecto definitivo.
Así mesmo, Nauta acaba de remitir a Portos de Galicia as contestacións ás alegacións presentadas ao proxecto definitivo para continuar avanzando na tramitación ambiental e asumiu algunhas das propostas, como o estudo das especies da reserva mariña da contorna.
O proxecto de rexeneración das praias da Carabuxeira e Lavapanos e as obras de acceso aos areais inclúe a construción dun espigón rampla perpendicular á praia, que uniría as rocas existentes e contaría cunha extensión de case 100 metros por 2,34 metros de ancho, para evitar a perda de area. Tamén se prevé a dotación dun paseo marítimo e a achega de 14.000 metros cúbicos de area procedentes da contorna da actuación, que se suman aos 10.000 metros cúbicos depositados na praia da Carabuxeira na primavera de 2021.
Relacionadas:
-
Luz verde á achega de area para as praias sanxenxinas de Carabuxeira e Lavapanos
Por Redacción |
-
Nauta ultima a petición a Costas de novos bombeos de area a Lavapanos e A Carabuxeira
Por Redacción |
-
O aporte de area á praia da Carabuxeira permitiu protexer as vivendas
Por Redacción |
-
As praias da Carabuxeira e Lavapanos poderán recibir achegas de area periódicas ata 2025
Por Oskar Viéitez |