As novas instalacións da Fiscalía sitúan o partido xudicial de Pontevedra "nun dos mellores niveis de Galicia"
Por Natalia Puga
O partido xudicial de Pontevedra ten, a nivel de instalacións físicas, unha dotación de medios que o sitúan "nun dos mellores niveis de Galicia". Así o destacou este mércores o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha visita ás remodeladas instalacións da Fiscalía Provincial no edificio xudicial da Parda.
A Fiscalía ocupaba ata agora a quinta planta do edificio e tiña un pequeno espazo na cuarta para a especialidade de Menores, pero nos últimos meses realizáronse unha serie de obras que lle permiten duplicar a superficie e contar con dúas plantas enteiras, a cuarta e a quinta.
Esta ampliación foi posible despois da inauguración dun novo edificio xudicial anexo, inaugurado xa en setembro do ano 2019 e plenamente operativo desde 2020. O traslado de servizos ao novo inmoble liberou o edificio orixinal e permitiu que agora a Fiscalía duplique o seu espazo, pasando de ter 18 a 32 despachos individuais para os representantes do ministerio público.
As obras supuxeron un investimento de preto de 100.000 euros e permitiron ampliar as oficinas e os arquivos e crear un espazo diferenciado para a Fiscalía de Menores. Ademais, a Xunta destaca que agora mellorouse a seguridade con acceso restrinxido aos despachos dos fiscais.
Na visita tamén participaron o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Suanzes sinalou que estas obras de remodelación son "altamente satisfactorias" e mesmo "sobresaíntes", non só porque amplían espazos, senón tamén porque dá "aspecto de maior calidade, servizo, polivalencia e efectividade".
Supoñen, segundo o fiscal superior, "un notable avance" para a Administración de Xustiza e teñen "vocación duradeira", posibilitando que as necesidades da Fiscalía quedan satisfeitas "polo menos nos próximos dez anos".
Alfonso Rueda lembrou, durante a visita, que o edificio orixinal quedara pequeno e o novo deixa resoltas as necesidades de espazo xudicial de Pontevedra "para moito tempo". En relación coas instalacións da Fiscalía, destacou que agora contan con "instalacións dignas" fronte aos espazos reducidos de antes.
As instalacións xudiciais de Pontevedra "xa son modernas, dignas", destacou, e agora "toca seguir avanzando en novas tecnoloxías e nova organización da xustiza".