Fouces acusa os portavoces sindicais de intentar "derrubar" o goberno para "poñer aos seus"
Por Alejandro Espiño
Abertos a negociar "todo o que sexa posible negociar" cos seus traballadores. Así asegura a responsable de Persoal, Carmen Fouces, que está o goberno municipal, que mantén a súa "man tendida" aos representantes sindicais para retomar o diálogo.
Iso si, Fouces lamenta que nestes momentos os traballadores do Concello estean "orfos" de interlocutores e que os seus delegados "os abandonaran a todos na cuneta" para adoptar outro tipo de intereses. "Están xogando á política", afirma a edil.
"Non teñen interlocutores que defendan as súas melloras laborais, que están sen discutir, que era para o que foran escollidas as persoas que os representan, non para derrubar o goberno e poñer aos seus, senón para defendelos", engadiu a concelleira do BNG.
O Concello, subliña Carmen Fouces, podería falar "con boa parte" dos delegados e delegadas de persoal, fundamental con elas, a pesar das discrepancias.
Pero denunciou que hai un "determinado grupo de machirulos" que optou "pola violencia, polos insultos e polos escraches, por un mundo que coñecemos ben e que non leva a ningún lado", deixando de lado as reivindicacións laborais do persoal da administración municipal.
"Din que seguirán con esta música ata as eleccións municipais, mais xa coñecemos esta melodía, sabemos dos intérpretes, coñecemos a letra e os coro, o libreto completo", apuntou Fouces, que avanzou que o goberno "nunca nos imos levantar da mesa e deixar de negociar".
A edil fixo fincapé en que "se realmente tivesen intención de negociar" estarían nalgunha das 17 mesas de negociación ás que non asistiron. "Este non é o camiño", advertiu a edil, que lamenta que no último ano non accederan a negociar ningunha mellora laboral.
Con respecto á reclamación concreta dos bombeiros para mellorar na súa conciliación, Carmen Fouces explicou que "nós temos unha proposta que xa lles fixemos chegar, que é adecuar a súa xornada laboral á máis acaída á sociedade, que sería a de oito horas".
Esta xornada, similar á da Policía Local ou o resto de servizos municipais, evitaría que tivesen que facer gardas de 24 horas como na actualidade, pero "non a imos aplicar unilateralmente, precisamos que veñan e que senten con nós".
"Igual é que non hai ningún interese, nin de falar de nada, pero seguiremos coa man tendida", reiterou Fouces.
Relacionadas:
-
Carmen Fouces, a CC.OO e UXT: "Negociarei cando queiran, onde queiran e no sitio que mellor prefiran"
Por Redacción |
-
UGT e CCOO urxen a Lores que sente as bases de negociación para resolver o conflito laboral no Concello
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
Un novo plantón dos sindicatos impide iniciar o proceso de funcionarización do persoal laboral
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello quere iniciar o proceso de funcionarización do persoal laboral municipal
Por Redacción |
-
O PP esixe a Fouces "pedir perdón inmediatamente" por chamar "machirulos" a un grupo de traballadores municipais
Por Redacción |
-
O cualificativo "machirulos" de Fouces desencadea que a Xunta de Persoal esixa a súa dimisión inmediata
Por Redacción |
-
Convocan unha reunión da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pitos á entrada da mesa de persoal do Concello, que se suspende por falta de quórum
Por María José Pita & Mónica Patxot |