A comunidade educativa de Poio involúcrase nunha campaña pola creación de espazos verdes
Por Redacción
Apostar e promover espazos ao aire libre sustentables e concienciar á sociedade, a través de diferentes iniciativas, sobre a importancia de respectar a nosa contorna son algúns dos obxectivos cos que nace "Poio en Verde", unha campaña impulsada pola Concellería de Medio Ambiente e na que tamén se implican de forma activa outros departamentos municipais, como son os de Cultura e Educación ou Deportes.
O titular responsable desta área, Xosé Luís Martínez, detallou que se porá o foco no eido educativo, a través de actividades nos colexios e no instituto, pero que tamén quere deixarse notar en eventos culturais, festivos e deportivos que se desenvolvan no concello de Poio.
"Pero esta campaña vai moito máis alá, xa que non só se limita a achegar información ou ferramentas sobre o coidado do medio ambiente, senón que tamén aposta pola creación de espazos verdes e rutas alternativas ao automóbil, fomentando unha mobilidade sustentable", apunta Martínez.
A campaña Poio en Verde naceu a finais de 2021 e contempla unha folla de ruta a completar ao longo do presente exercicio.
Así, nos centros de Primaria concienciarase de que "o cambio global empeza no local", recalca o titular de Medio Ambiente, mentres que no IES os esforzos estarán máis centrados en mobilizar ao alumnado en boas prácticas coa contorna.
"A través de Poio en Verde movémonos de xeito transversal cara un obxectivo primordial, como é incrementar a calidade de vida do noso municipio, ao mesmo tempo que habilitamos espazos de sociabilidade e cohesión social dentro dun desenvolvemento sustentable e respectuoso coa contorna", conclúe o edil.
Lembra que, precisamente, esa foi a liña de traballo que serviu para habilitar novos equipamentos que tamén fomenten os hábitos saudables, como é o caso do parque de calistenia de Lourido, de recente instalación.