3.000 traballadores da limpeza na comarca cobrarán 1.200 euros máis correspondentes a 2011 e 2012
Por Anxo Lourido
Os responsables da Federación de Servizos e o secretario comarcal de UGT mostráronse satisfeitos pola sentenza do Tribunal de Xustiza de Galicia que afecta a 15.000 traballadores de limpeza de edificios na provincia dos que 3.000 se encontran na bisbarra de Pontevedra. A demanda presentada por este sindicato xunto á CIG provocou que o TSXG establecese que as empresas de limpeza da provincia están obrigadas a incrementar un total de 5,3% os soldos dos seus traballadores durante os anos 2011 e 2012.
O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, e os representantes da Federación de Servizos, Marcos Pérez e Carlos Corredoira, indicaron que se viran obrigados a recorrer aos tribunais como consecuencia da reforma laboral que provoca este tipo de situacións de inseguridade para os traballadores, neste caso en relación co incremento do IPC.
Dende este sindicato tamén se criticou a actitude de CC.OO. que non apostara pola unidade sindical e asinaron coa patronal un preacordo desvinculándose das demais centrais. Agora, con esta sentenza, dende UGT indícase que os traballadores da limpeza poderán recibir ao redor de 600 euros anuais, unha cantidade importante para a media salarial deste sector que está situada en 800 euros mensuais.
A sentenza aínda é recorrible ante o Tribunal Supremo. UGT teñen previsto convocar os traballadores da bisbarra a unha asemblea que se desenvolverá ao longo da próxima semana para que coñezan con detalle o sentido da sentenza e como terán que presentar as súas demandas individuais para o cobramento deste incremento recoñecido xudicialmente.
Os representantes de UGT agardan que nas próximas semanas e, tras esta sentenza xudicial, a empresa os cite para negociar o convenio colectivo.
Relacionadas:
-
As empresas de limpeza recorren ante o Supremo a sentenza que os obriga a subir soldos
Por Redacción |
-
CC.OO. alerta sobre o futuro incerto do sector da limpeza de edificios
Por Anxo Lourido |
-
O Tribunal Superior de Xustiza obriga ás empresas de limpeza de edificios a incrementar os soldos de 2011 e 2012
Por Redacción |
-
CCOO pide a UGT e CIG que recapaciten para salvar o convenio de limpeza do que dependen máis de 10.000 traballadoras
Por Diego Espiño |