Igualdade clausura a acción formativa Espazo Empodera
Por Redacción
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, xunto coas técnicas do CIM participou este venres na clausura do Espazo Empodera. Trátase dunha acción formativa dirixida a usuarias do CIM e de Servizos Sociais, para mellorar a empregabilidade e o empoderamento dixital.
As alumnas recibiron un diploma acreditativo, logo de completar o curso, que se levou a cabo no Centro de Formación da Reiboa e estivo impartido por Raquel Pedrouso.
Silvia Díaz salientou a importancia da formación para o desenvolvemento laboral e persoal. Esta acción forma parte da programación O Saber das Mulleres, no marco da campaña do 8 de marzo, e financiouse cunha subvención acadada a través da liña de promoción de igualdade da Deputación de Pontevedra.
MANIPULADOR DE ALIMENTOS
Por outra banda, a concellería de Mocidade anuncia a realización dun curso formativo para a obtención do permiso de manipulación de alimentos, que terá lugar na Casa Rosada o vindeiro 4 de maio. A sesión terá unha duración de 160 minutos (de 17.00 a 20.00 horas) e será gratuíta.
Responsables da empresa ARA Formación serán os encargados de impartir este taller, pensado sobre todo para aquelas persoas que están interesadas en obter traballo no sector hostaleiro.
Neste sentido, a concelleira delegada desta área, Rosa Fernández, lembra que esta acreditación "é un requisito obrigatorio que se solicita á hora de buscar traballadores ou traballadoras na restauración".
CUSTOMIZACIÓN DE PRENDAS DE ROUPA
A concellería de Mocidade tamén ofrece un obradoiro sobre customización de prendas de roupa, a través do cal se amosará ás persoas inscritas técnicas para obter un maior rendemento e darlle un segundo uso a roupa que xa non se utilice de xeito habitual.
Esta cita será os días 22 e 29 de abril, de 17.00 a 19.00 horas.
En ambos casos, para o curso de manipulador de alimentos e o de customización de prendas de roupa, as inscricións poden realizarse chamando ao número de teléfono 986872401 ou ben enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org.