Combarro estrea cunha gran acollida a nova guía turística da vila
Por Redacción
A guía 'Combarro Patrimonio Cultural de Galicia. Guía de su arquitectura popular y de su historia', elaborada polo presidente da Asociación A Solaina, Rafa Vallejo, foi presentada este venres na sede da comunidade de montes Rega dos Agros.
No acto, ao que asistiron unhas setenta persoas, estiveron presentes representantes dos grupos da corporación municipal e de numerosos colectivos do tecido local do concello.
A obra, que conta cunha tirada de 2.000 exemplares de 84 páxinas, ve a luz nun momento especial, cando se conmemoran os 50 anos da declaración de Combarro como conxunto histórico, feito que tamén é protagonista na guía elaborada por Rafael Vallejo.
Esta publicación fai un extenso e pormenorizado repaso á traxectoria e evolución histórica, patrimonial, social e turística de Combarro
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, salientou a utilidade da guía "para por ao alcance de visitantes e da propia veciñanza o coñecemento, o significado, a historia, a singularidade e transcendencia de Combarro".
Cada unha das persoas asistentes foi agasallada cun exemplar da guía, na que se pode atopar, ademais de información moi variada, fotografías e imaxes pertencentes a diferentes épocas e un mapa con datos turísticos de interese.