Haberá unha rehabilitación máis ambiciosa da fonte de Combarro
Por Redacción
O concelleiro responsable da área de Patrimonio no Concello de Poio, o nacionalista Xulio Barreiro, confirmou este luns a realización dos traballos de reparación na fonte de Combarro que fora danada nun golpe fortuíto efectuado por un automóbil.
A Dirección Xeral de Patrimonio autorizou unha actuación para garantir a estabilidade deste elemento arquitectónico.
Xulio Barreiro avanzou que o Concello ten previsto desenvolver un proxecto "máis ambicioso", que servirá para rehabilitar por completo a fonte. Está previsto que este asunto sexa tratado na Comisión de Patrimonio deste martes.
O vindeiro 30 de novembro Combarro cumpre 50 anos do seu nomeamento como Conxunto Histórico Artístico Pintoresco Nacional. O Pleno corroborou na súa última sesión ordinaria o seu compromiso á hora de impulsar actividades para conmemorar esta data histórica, ao mesmo tempo que se implantarán accións encamiñadas a seguir mellorando este enclave.
Á marxe da actuación levada a cabo na Praza da Fonte, a Administración municipal tamén procedeu nos últimos días a limpar e poñer a punto o lavadoiro situado nas proximidades da Praza da Chousa. O alcalde, Luciano Sobral, explica que esta actuación forma parte dos traballos que desde o Concello se están a efectuar para poñer a punto este tipo de elementos. "A limpeza e mantemento de lavadoiros estase a levar a cabo en diferentes parroquias e poñemos o foco naqueles puntos nos que son necesarios, para que estean nas mellores condicións", indica o rexedor.