Pepita Abelleira, Carmen Domínguez e Rita Vázquez, tres "mulleres salgadas" referentes do mar
Por Redacción
Tres mulleres de Arousa, Pepita Abelleira, Carmen Domínguez e Rita Vázquez, foron as escollidas este ano para recibir os premios Mulleres Salgadas, que entrega a asociación do mesmo nome que defende os intereses das mulleres que traballan no ámbito da pesca.
As tres dedicaron este galardón "a todas as nosas compañeiras que loitaron e traballaron con moita paixón nunha profesión durísima pero marabillosa", segundo indicaron durante a súa intervención no acto celebrado na sede da Deputación en Vigo.
Carmen e Rita, do Grove e Noalla, as tres xa xubiladas, representaron a toda unha xeración de traballadoras que dedicaron a súa vida ao mar desde o marisqueo, as bateas e a conserva.
Acompañadas das súas familias e moi emocionadas, Pepita, Carmen e Rita namoraron ao público coas anécdotas dunha vida "moi dura pero con moitas alegrías" e coincidiron en mostrar a súa paixón por un traballo que lles fixo libres e independentes .
"Nunca dependín dun home", dixo Pepita Abelleira, que narrou as súas vivencias nas fábricas de conservas nas que traballou en xornadas interminables e mostrou as "enormes diferencias dunha xuventude que agora teno case todo fronte as carencias que elas padeceron".
O marisqueo foi a vida de Carmen Domínguez, cando desde os dez anos recollía caramuxos. Liberdade e compañeirismo foron as palabras máis repetidas na súa intervención.
"Cando te sentes libre estás orgullosa", dixo, e lembrou que "moito desfrutei aínda que a vida era durísima, pero tamén cantábamos". Rememorou o pouco que sabía ao principio pero "a praia ensina, aprendes dela, sentes tal felicidade que cando te xubilas non queres marchar".
Rita Vázquez explicou como chegou ás bateas, ao mundo do mexillón, e como se traballaba daquela. "Agora teñen máquinas para todo pero nos gustaba traballar", afirmou, recordando a valentía e o esforzo das mulleres porque "se tivéramos a forza dos homes, comíamolos".
O evento, que foi conducido pola xornalista Ana Fuentes, contou coa actuación de Bouba Pandereteiras, que reinterpretan a música recollendo a tradición oral das mulleres.
Relacionadas:
-
Mulleres Salgadas organiza cursos de competencias dixitais para "derrubar as barreiras que as afastan dos postos de responsabilidade"
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
A Deputación presenta unha extensa programación polo 8 de Marzo reclamando a paridade
Por Oskar Viéitez |
-
A asociación Mulleres Salgadas promove a creación do Observatorio de Igualdade no sector pesqueiro
Por Oskar Viéitez |