Mulleres Salgadas organiza cursos de competencias dixitais para "derrubar as barreiras que as afastan dos postos de responsabilidade"
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este xoves xunto á directiva de Mulleres Salgadas, os cursos de competencias dixitais que ofrece esta asociación, a primeira e única de ámbito autonómico galego de mulleres do sector pesqueiro que se constituíú en decembro de 2016 coa denominación de "Asociación de Mulleres do Mar de Arousa" e actualmente representa a 1.600 traballadoras.
"O noso e a-mar" o "somos tela marinera", son algúns dos lemas coas que este colectivo pioneiro e aglutinador reivindica o sentir das mulleres do mar e recoñece e pon en valor o traballo feminino neste ámbito.
O obxectivo principal da asociación consiste en mellorar a situación das traballadoras galegas do mar e actividades relacionadas, prestando atención especial á escasa presenza de mulleres en postos de dirección e decisión.
Dolores Gómez, presidenta de Mulleres Salgadas explicou que serán dous cursos: un de alfabetización dixital para maiores de 55 anos e outro de participación cidadá con tecnoloxías dixitais, co obxectivo de "derrubar as barreiras que as afastan dos postos de responsabilidade".
Estes cursos, de dez horas cada un, impartiranse entre xuño e xullo nas localidades de Vilagarcía, A Illa de Arousa, O Grove, Vilanova e Cambados.
Coa alfabetización dixital perséguese que "non se sintan desprazadas" por non ter coñecementos como o manexo do correo electrónico, da mensaxería instantánea, realizar unha videochamada, navegación por internet, uso da aplicación do Sergas, as redes sociais ou a banca electrónica en dispositivos móbiles. No curso de participación cidadá a través das tecnoloxías dixitais ensinarase ás participantes para manexarse cos principais tipos de acreditación dixital, operacións telemáticas básicas como certificados ou xestións coa Seguridade Social, Facenda ou coa sede electrónica da Xunta.
Relacionadas:
-
Aberta a inscrición para participar no programa Galegas Dixitais en Marín
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo participa nun proxecto europeo de loita contra o cibercrime e o terrorismo na rede
Por Oskar Viéitez |
-
Pepita Abelleira, Carmen Domínguez e Rita Vázquez, tres "mulleres salgadas" referentes do mar
Por Redacción |
-
A asociación Mulleres Salgadas promove a creación do Observatorio de Igualdade no sector pesqueiro
Por Oskar Viéitez |