A Deputación presenta unha extensa programación polo 8 de Marzo reclamando a paridade
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este luns unha extensa programación con motivo do 8 de Marzo, Día da Muller, "esta loita é o noso gran obxectivo e non nos van a parar" e este ano "queremos seguir poñendo o foco na axenda feminista reclamando a paridade en todos os ámbitos".
"Esiximos que a nosa voz e as nosas ideas formen parte da toma de decisións para transformar o mundo", engadiu a presidenta.
Neste sentido, deseñáronse unhas 30 actividades repartidas en cinco grandes eixos: Política, Economía e empresa, Medios, Saber e Creatividade. Ao facer esta programación "traballamos en rede porque hai unha ampla actividade en todos os campos, particularmente nas asociacións feministas, que son a nosa inspiración", sinalou Carmela Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra avanzou que o Goberno provincial apoiará as manifestacións convocadas o 8 de marzo esixindo a abolición da prostitución.
O pasado pleno do 25 de febreiro xa se deu lectura á Declaración institucional polo Día da Muller, a cargo de Priscila Retamozo. E o día 7 de marzo, na véspera, colocaranse pancartas, lonas e paneis nas fachadas das distintas sedes da administración provincial que tamén serán iluminadas en cor morada "para esixir que o feminismo ocupe un espazo central na axenda pública e na acción política".
Ese 8 de Marzo, na escalinata principal do Pazo provincial sede da Deputación de Pontevedra, ás 11 da mañá, desenvolverase unha acción artística "4.0" a cargo de Sue Moreno e pola tarde, ás 17 horas, será na sede de Vigo, coa acción "Las locas. A nosa historia emocional acubíllanos", a cargo de Mariana Sellanes.
Dentro desta programación inclúese a campaña en liña "Elixe produto local. Elixe igualdade" de posta en valor das produtoras e a súa achega á economía circular. O 18 de marzo, na Sala Rosalía de Castro da sede da Deputación na cidade de Vigo farase un acto de "Homenaxe ás mulleres do mar" que incluirá a entrega da segunda edición dos premios "Mulleres salgadas".
Carmela Silva incidiu en que "temos que conseguir que os medios sexan cómplices" e por iso a Deputación desenvolverá un plan de difusión da relevancia da "Axenda da paridade" coa participación de mulleres expertas en conferencias, debates e mesas redondas.
Dentro desta programación deseñada pola Deputación de Pontevedra figura a Feira-exposición "A ciencia que vén ten nome de muller", o 18 de marzo, organizada xunto á Universidade de Vigo. E o 31 de marzo no Pazo provincial, presentarase a exposición "Pontevedra en América: unha mirada en feminino", a cargo da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela.
Do 23 ao 25 de marzo o Auditorio de Ponteareas recibirá "A maleta dos océanos" e a exposición "O mar das mulleres", dentro da programación da semana da ciencia. Cun taller a cargo de María Lorenzo.
Ademais, dentro da programación da Escola de Igualdade María Vinyals, todos os sábados na sede da Deputación en Vigo darase formación para a mocidade dentro da iniciativa coñecida como "Canteira de Igualdade".
Os xoves de marzo, de maneira telemática, desenvolverase o ciclo "Ciencia en feminino" a cargo de Gciencia e que inclúe unha charla-entrevista con Mabel Loza (3 de marzo ás 19 horas), unha mesa redonda "Fuga de talentos e conciliación" con Isabel Suárez Fernández, Alba Viéites Prado, Lorena Boquete e Carmela Silva (10 de marzo ás 19 horas), unha charla-entrevista con Amparo Alonso Betanzos (o 17 de marzo ás 19 horas) e unha mesa redonda "Teitos de cristal na investigación" con Concepción Sánchez-Fernández, María Luz Loureiro, García Lucía Meneiro e Carmela Silava (o 24 de marzo).
O 11 de marzo, na escalinata do Pazo provincial será o concerto de "Descúbreas", un programa de apoio e posta en marcha de propostas musicais de mulleres novas de entre 16 e 30 anos da provincia, e o 18 de marzo na sede da Deputación na cidade de Vigo desenvolverase o taller de creación artística "Recoller/reciclar/recrear" a cargo de Rosa Neutro, de 17 a 20.30 horas.
Neste ámbito da "creatividade" tamén se enmarcan outras iniciativas como o programa formativo "Conectadas", "Mulleres Extramuros" que é unha convivencia de artistas plásticas con mulleres rurais os días 26 e 27 de marzo e 2 e 3 de abril e tamén os premios"Mulleres no foco" unha iniciativa promovida por CIMA (Asociación de mulleres cineastas), que pretende poñer en valor o traballo realizado polas mulleres en todos os ámbitos do sector audiovisual.
Dentro do proxecto de acción artística "Mulleres en acción. Violencia zero" que, desde 2015, ten en marcha a Deputación de Pontevedra anúnciase unha acción de Mónica Cofiño en Caldas de Reis (17 de marzo), outra de Esperanza Mara en Agolada (do 26 ao 28 de marzo) e outra máis de Pilar V. de Foronda no Centro penitenciario da Lama (do 6 ao 8 de abril).
Ademais a Deputación insistirá na campaña "Sen coidados o mundo para", na que se lembra que os coidados son a columna vertebral do noso estado de benestar e "coidar" de forma maioritaria é un verbo que se conxuga en feminino plural. Por iso reiterarase a importancia da "corresponsabilidade" nestes coidados.
"Para o cambio estrutural a clave está na coeducación", subliñou Silva, ao referirse ao fallo do concurso infantil " Búscase a Talento" para fomentar a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e violentos, terá lugar o 23 de marzo, e á segunda edición da iniciativa "365 días – 365 mulleres, visibilizando o talento", unha recompilación de referentes femininos de todos os tempos e de moi diversos ámbitos.
Relacionadas:
-
Un estudo desvela que só o 26 % das mulleres do audiovisual galego ocupan postos directivos
Por Redacción |
-
"O 1 e o 2 de xuño Pontevedra volverá ser unha provincia de igualdade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Unha astronauta súmase á loita contra a violencia machista en Caldas
Por Redacción |
-
A segunda edición de "Descúbreas" transforma o Pazo Provincial nunha sala de concertos
Por Redacción |
-
Internas con mensaxes a prol da liberdade da muller realizan unha performance no Centro Penitenciario da Lama
Por Redacción |
-
A gala de entrega dos premios 'Mulleres no Foco' celebrarase en Pontevedra a finais de setembro
Por Redacción |
-
Pepita Abelleira, Carmen Domínguez e Rita Vázquez, tres "mulleres salgadas" referentes do mar
Por Redacción |
-
As asociacións que promovan iniciativas a favor da igualdade xa poden solicitar novas achegas da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación reivindica a axenda da paridade e a abolición da prostitución como "cuestións irrenunciables"
Por Oskar Viéitez |
-
As cociñeiras dos comedores escolares serán homenaxeadas polo Día da Muller
Por Redacción |
-
O comercio local vai da man do Concello de Cuntis na campaña polo Día da Muller
Por Redacción |