A arte como oportunidade laboral para parados de longa duración
Por Redacción
Impulsar o emprego entre as persoas paradas de longa duración maiores de 45 anos. Ese é o obxectivo do programa EmpleArte, iniciativa da Fundación Santa María la Real, que conta co apoio da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.
Pontevedra acollerá a partir do próximo mes de maio o primeiro destes programas, que prestará unha especial atención a colectivos de maior vulnerabilidade en risco de exclusión social.
EmpleArte busca incrementar as oportunidades laborais das persoas participantes a través de técnicas e procesos creativos de varias disciplinas artísticas, entre elas danza, música, teatro, circo e clown, pintura, escritura creativa, fotografía ou vídeo.
O fin é o de motivar ás persoas sen emprego a fomentar o seu crecemento persoal e, deste xeito, poder reactivar a súa procura de emprego no mercado de traballo.
Os participantes, parados de longa duración con idades comprendidas entre os 45 e 60 anos, poderán ter calquera nivel de estudos e proceder de calquera sector profesional.
No caso do programa específico para Pontevedra, empregaranse técnicas e procesos creativos coa pintura e a narrativa creativa.
Durante os tres meses que dura a iniciativa, os participantes contarán co acompañamento e asesoramento de especialistas para impulsar un plan integral de procura de emprego.
Asistirán tres días á semana, en horario de mañá, a reunións presenciais e/ou virtuais para desenvolver actividades de orientación laboral, reforzar as súas competencias transversais e habilidades dixitais, mellorar o seu posicionamento e fomentar a súa inserción laboral.
As persoas interesadas en participar neste programa gratuíto poden anotarse ata o próximo 5 de maio a través da páxina web https://www.emple-arte.org/es/inscribete ou de maneira presencial nas oficina públicas de emprego.