A procesión das Dores devolve a Semana Santa ás rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Despois de dous anos de parón Pontevedra retoma o programa da Semana Santa (descarga aquí a programación completa) que terá a súa primeira procesión o venres 8 de abril coa Virxe das Dores. Partirá ás 20.00 horas da igrexa de San José de Campolongo, a cargo da Confraría da nosa Señora do Amor Fermoso.
O percorrido partirá da Praza da Constitución pasando pola Praza de Galicia, Andrés Muruais, Peregrina, Praza da Peregrina (con sermón), Peregrina, Andrés Muruais e regreso á Praza de Galicia e Praza da Constitución.
O 10 de abril celébrase o Domingo de Ramos coas tradicionais misas con Bendición de Palmas e Ramos. Ás 10 en San Francisco, 10.30 horas en San José, 11 na Basílica de Santa María (Na Praza de Santa María), 11 en Santiago Peregrino do Burgo, 11.15 horas en San Bartolomé (Na Praza da Leña), 12 horas en Virxe do Camiño (Procesión ás 11.30 h.), 12.15 no Bo Pastor de Monte Porreiro e ás 12.30 horas na Basílica de Santa María (Na Praza de Santa María) e San José.
O 11 de abril, Luns Santo, terá lugar a procesión do Cristo das Caídas que partirá ás 20.30 horas de San Bartolomé encabezada pola Confraría da Vera Cruz e acompañada de representacións do resto de confrarías. O percorrido discorre pola rúa Sarmiento, Pasantería, Paseo Antonio Odriozola, Michelena, Bastida, Tetuán, Don Filiberto, Princesa, Praza do Teucro, Isabel II, Praza de Méndez Núñez onde se interpretarán motetes e recollerase a procesión en Sarmiento ao regresar a San Bartolomé.
O 12 de abril, Martes Santo, será a procesión de Xesús Nazareno e María Santísima da Esperanza con saída ás 21.00 horas de San Bartolomé. A Confraría do noso Pai Xesús do Silencio con acompañamento da Confraría da Maior Dor e fieis percorrerán as rúas Sarmiento, Isabel II, Princesa, Praza do Teucro, Manuel Quiroga, Soportais, Praza da Ferrería, Paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento e San Bartolomé.
O 13 de abril, Mércores Santo, ten lugar a procesión da Santísima Virxe da Soidade e Xesús Nazareno coa Cruz ás costas, que sairá ás 21.00 horas da Basílica de Santa María coa Confraría da nosa Nai da Maior Dor e representacións do resto de Confrarías e fieis. O seu percorrido pasa pola rúa Amargura, Isabel II, Real, Praza de Curros Enríquez, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Alhóndiga e Avenida de Santa María.
O 14 de abril, Xoves Santo, é a procesión dos Pasos a que sairá ás 20.00 horas da Basílica de Santa María. É unha das máis rechamantes polas imaxes que saen á rúa: o Paso da cea coa Confraría da nosa Nai da Maior Dor, o Paso da Oración no Horto e o bico de Xudas, coa Confraría da nosa Señora do Amor Fermoso, as imaxe de Xesús Cautivo e Paso da Flaxelación coa Confraría do Silencio e a Orde Franciscana Seglar, o Paso de Xesús atado á columna da Confraría do Corpo Santo, o Paso do Ecce Homo coa Confraría do Espírito Santo e o Paso do Santísimo Cristo da Expiración e Virxe da Soidade coa Confraría da Vera-Cruz e Misericordia.
Esta procesión percorre a Avenida de Santa María, Praza de España, Michelena, Paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento, Real, Praza de Curros Enríquez, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Alhóndiga e Avenida de Santa María.
O 15 de abril, Venres Santo, celébrase a procesión do “Encontro” con Viacrucis Penitencial ás 9.30 horas. A imaxe de Cristo coa Cruz ás costas sae da Basílica de Santa María; a da Virxe de San Bartolomé e o encontro farase na Praza de Teucro, con sermón. En caso de suspensión celebrarase na Igrexa de San Bartolomé.
Pola tarde terá lugar a Procesión xeral do Santo Enterro que sae ás 20.00 horas da Basílica de Santa María encabezada polo Calvario e a imaxe do Cristo crucificado da Confraría do Corpo Santo. Acompañan a imaxe da nosa Señora do Amor Fermoso e a Verónica, da Confraría da nosa Señora do Amor Fermoso; a Virxe da Maior Dor da Confraría da Maior Dor; A nosa Señora das Angustias da Confraría do Silencio; o Cristo xacente e a Virxe da Misericordia de Confraría da Vera-Cruz e Misericordia e tamén a Santa Cruz da Confraría do Espírito Santo.
O seu percorrido pasa pola Avenida de Santa María, Praza de España, Riestra, Oliva, García Camba, Peregrina, Soportais, Manuel Quiroga, Don Filiberto, Alhóndiga e Avenida de Santa María.
A última das procesións que saen ás rúas da capital é a do Encontro de Xesús Resucitado coa súa nai a Virxe María. Ten lugar o Domingo de Pascua ás 20.00 horas e nela a imaxe da nosa Señora do Amor Fermoso, acompañada da súa Confraría e representacións, sae da Parroquia de San Xosé para percorrer a Praza da Constitución, Praza de Galicia, Andrés Muruais, Peregrina e Praza da Ferrería.
A imaxe de Xesús Resucitado, acompañada da Confraría da Vera-Cruz, sae de San Bartolomé pasando por Sarmiento, Pasantería e Paseo Antonio Odriozola.
As imaxes de San Juan e María Magadalena, acompañadas da Confraría da Maior Dor e a Banda da Confraría do Espírito Santo, saen da Basílica de Santa María percorrendo a Avenida de Santa María, Praza de España, Michelena e Praza da Ferrería.
O Encontro, terá lugar na Praza da Ferrería, con sermón e interpretación de motetes. Finalizado o mesmo, formarase unha única Procesión que se retirará cara á Parroquia de San Xosé desde a Praza da Ferrería pasando por Peregrina, Andrés Muruais, Praza de Galicia e Praza da Constitución.
Relacionadas:
-
A Burrita quedou en Campolongo este Domingo de Ramos
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A procesión da Virxe das Dores percorreu este venres as rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
As clarisas autorizan o regreso a Pontevedra do Cristo das Caídas
Por Oskar Viéitez |
-
Organizan visitas guiadas a Santa Clara para maiores de 65 anos con reserva de praza presencial
Por Redacción |
-
A arte como oportunidade laboral para parados de longa duración
Por Redacción |
-
A Semana Santa botará a andar o 21 de marzo coa lectura do pregón a cargo de Leoncio Feijoo
Por Redacción |