A Deputación saca unha nova liña de axudas para a retirada de simboloxía franquista
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra lanza a segunda edición da liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. A contía global das achegas, que forman parte das xa coñecidas subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural, é de 100.000 euros.
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, manifestou a súa confianza en que as subvencións concedidas en 2021 ao concellos como os de Ponte Caldelas ou Vilagarcía teñan aberto camiño e sirvan de exemplo para que outros municipios cumpran coa lexislación vixente.
A nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática na provincia xa que "suprimir elementos de división entre a cidadanía é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir. Entendemos que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas, pero esta liña de subvencións facilita o cumprimento da normativa de memoria vixente".
As achegas da Deputación poderán destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista
As axudas repartiranse cun importe fixo de 50.000 euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas.
A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75% da poboación e ao 25% da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.
A meirande parte das actuacións subvencionadas pola Deputación no 2021 tiveron relación coa retirada de simboloxía de elementos da Falanxe, o partido único do réxime franquista. Tamén se presentaron proxectos para retirar moitos elementos das Xuntas de Acción Municipal, que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista.
Os concellos teñen de prazo para realizar as obras ata o vindeiro mes de xuño e ata setembro para xustificar as actuacións.
Ponte Caldelas recibiu axuda para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación da fonte lavadoiro Maceira na zona de Silvoso; e Vilagarcía para retirar a cruz da fachada da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga.