Parlamentarios integrados na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos visitan Sogama
Representantes dos grupos parlamentarios do PP e PSOE, integrados na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, visitaron na mañá deste martes as instalacións de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer de primeira man o seu funcionamento, así como as melloras acometidas nos últimos anos. O BNG declinou a invitación trasladada a pesar de cursala en reiteradas ocasións.
O grupo, liderado pola presidenta da Comisión, Carmen Pomar, e conformado por máis dunha decena de representantes no Parlamento de Galicia, recibiu senllas explicacións, a cargo do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, sobre o nacemento e evolución desta empresa pública ata o día de hoxe, tanto desde a dimensión industrial como económica, ambiental e social. No encontro tamén estivo presente a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez Castellanos.
Durante a súa exposición, Domínguez Lino fixo un percorrido polos fitos máis relevantes na historia da Sociedade, que precisamente este mes de abril cumpre 30 anos. Ao respecto, exemplificou o antes e despois de Sogama contrapoñendo os 300 vertedoiros municipais incontrolados e máis de 3.000 puntos de vertedura ilegal diagnosticados na década dos 90, aos cero vertedoiros incontrolados na actualidade, dando servizo esta empresa pública a 295 concellos galegos (o 94% do total).
A ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda coa incorporación dunha nova planta destinada a recuperar os materiais reciclables contidos no lixo en masa, aumentando a súa capacidade nun 81% ao subir de 550.000 a 1.000.000 de toneladas; a selaxe do 90% da superficie do vertedoiro de Areosa; o incremento do transporte de residuos por ferrocarril (subindo desde o 25% a máis do 56%); os máis de 18.000 composteiros repartidos gratuitamente por toda Galicia para fomentar a autoxestión da materia orgánica; e a bonificación do canon de Sogama durante o últimos tres anos, aos que este exercicio se engade unha rebaixa do 5% para todos os concellos, propiciando que o aforro para os petos dos galegos en 2022 poida chegar aos 11 millóns de euros, constitúen, entre outros, algúns dos logros que fixeron de Sogama unha compañía punteira, moderna, eficiente, solidaria e plenamente comprometida coa sustentabilidade e a economía circular.
O presidente de Sogama tamén deixou constancia do traballo abordado pola Xunta para axudar aos concellos a cumprir coas súas obrigas legais na valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost.
Os entes locais teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida diferenciada desta fracción a través do quinto contedor, de cor marrón. Con tal fin, construirase unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos). O obxectivo último é que a práctica totalidade dos concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta (de biorresiduos ou de transferencia) a menos de 50 km de distancia.
VISITA AO COMPLEXO MEDIOAMBIENTAL E VERTEDOIRO DE AREOSA
Logo da presentación realizada a cargo do máximo responsable da entidade, o grupo realizou unha visita guiada polas diversas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda. Alí puideron comprobar o itinerario que segue o residuo desde que se recibe ata que se recupera para remitir aos centros recicladores ou ben se valoriza enerxeticamente, no caso da parte non reciclable, xerando a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
O percorrido continuou no vertedoiro de Areosa, onde o colectivo puido ver tamén a planta de compostaxe a pleno rendemento.
Para concluír, Javier Domínguez agradeceu a visita e interese dos parlamentarios, cualificándoa de histórica, xa que, "para tomar conciencia do labor desta Sociedade, o mellor é vela en funcionamento", ao que engadiu que "é a forma de comprender o esforzo, dedicación e entrega do seu persoal na xestión diaria, pulcra e eficiente, dos residuos urbanos producidos por máis de 2.240.000 habitantes".
Relacionadas:
-
Sogama lanza unha nova páxina web coa que pretende achegar, aínda máis, o seu labor aos cidadáns
Por Noticia patrocinada |
-
Javier Domínguez pon en valor o labor de Sogama nun encontro de entidades públicas
Por Noticia patrocinada |
-
A agrupación industrial Viratec visita Sogama para coñecer as innovacións na xestión de residuos urbanos
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama é un referente internacional na xestión de residuos e dá servizo ao 94% dos concellos galegos
Por Noticia patrocinada |
-
A redución do canon de Sogama deste ano suporá un aforro para os galegos de máis de 11 millóns
Por Redacción |
-
Sogama, premiada polo seu compromiso medioambiental nos European Business Awards 2021 en París
Por Noticia patrocinada |
-
A rebaixa do canon de Sogama para 2022 poderá chegar ao 20%, propiciando un aforro para os galegos de 9 millóns de euros
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama recibe novos recoñecementos de Ardán: Empresa Circular e Empresa Igual en Xénero 2021
Por Noticia patrocinada |