Un día para insistir na importancia da detección precoz do cancro colorrectal
Por Oskar Viéitez
Este xoves 31 de marzo é o Día Mundial contra o Cancro Colorrectal e con tal ocasión o servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra quere incidir na importancia que ten a prevención precoz deste cancro, a través da participación cidadá, no vixente programa de cribado que mantén activo nesta área de saúde.
Este cancro é responsable de arredor de 43.000 novos diagnósticos ao ano en España, sendo así a patoloxía oncolóxica máis frecuente na poboación española. Detectar esta doenza en fases iniciais pode diminuír a mortalidade até nun 35%.
Durante o ano 2021, invitáronse a 61.267 persoas a participar neste programa de cribado, das cales aceptaron tan só 25.389 persoas das que 1.342 tiveron unha proba positiva de sangue oculta nas feces e fixéronse unha colonoscopia. Ademáis, outras 286 persoas fixéronse colonoscopias de seguimento de lesións extirpadas en anos anteriores. En total, diagnosticáronse 26 cancros e 799 pólipos premalignos, que foron extirpados.
Esta iniciativa preventiva consiste na detección de sangue oculta nas feces. A poboación diana -homes e mulleres de 50 a 69 anos- recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación co franqueo pagado.
Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela. Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde. As persoas con resultado negativo recibirán una carta con este resultado de normalidade e se lles volverá a invitar no prazo de dous anos.
As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de Atención Primaria para explicarlles o significado e a necesidade de realizar unha colonosocopia para detectar ou confirmar a presenza de lesións.
Lamentablemente, a maioría dos cancros de colon aínda se diagnostican fóra do Programa de Cribado, en persoas que non participaran previamente e ás se lles solicita una colonoscopia cando aparecen síntomas e tan só un 14% diagnostícanse nunha fase precoz fronte ao 49% daqueles que se identifican nos programas de cribado.
ASOCIACIÓN CONTRA O CANCRO
Tamén a Asociación Española Contra o Cancro presentou a campaña "O outro test", convidando á poboación para participar nos programas de cribado.
En Galicia, diagnosticáronse 19.718 novos casos de cancro en 2021, o que fai da comunidade galega unha das de maior incidencia en cancro de España.
O cancro colorrectal é o máis diagnosticado na comunidade galega, con 2.890 novos casos en 2021, por diante doutros tipos de cancro como o de próstata, de mama ou de pulmón. Na provincia de Pontevedra, o número de casos diagnosticados en 2021 foi de 922. O cancro colorrectal é ademais o segundo tipo de cancro en número de defuncións, con 1.161 falecementos en Galicia e 358 na provincia, o pasado ano, polo que participar nas probas de cribado para unha detección precoz é clave para salvar vidas.
Os datos da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, de 2013 a 2020, indican que a participación global da poboación nestes cribados foi do 45%, sempre maior entre as mulleres (48,33% mulleres fronte a 41,37% homes).
Co obxectivo de que toda a poboación coñeza a existencia deste cribado e aumentar a participación, incidindo na necesidade de que a poboación masculina se realice esta proba, desde a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra levou a cabo unha repartición de información sobre a campaña "O Outro Test" en 31 farmacias e 32 barbarías da cidade.
Tamén se uniu a esta iniciativa o Pontevedra C.F. que contou con presenza de voluntariado da Asociación á entrada do seu encontro contra o Unión Adarve, celebrado o pasado domingo 27 de marzo, e onde se difundiron folletos informativos sobre a campaña.
Este xoves 31, de 11.00 a 13.00 horas, situarase unha mesa informativa na Praza Compostela (fronte a Zara Home) cun equipo de voluntariado e na que estará tamén presente a Técnica de Prevención da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra para informar sobre esta proba e resolver as dúbidas que, os que ata alí achéguense, poidan ter. De 17.30 a 19.30 horas, esta mesa trasladarase a Praza da Peregrina.
O Hospital Provincial tamén será outro punto estratéxico para esta campaña, onde se situará voluntariado da entidade de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 18.30 horas, nas inmediacións de edificio.
Relacionadas:
-
Incorporan a intelixencia artificial ao servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción |
-
Montecelo organiza unha Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica
Por Redacción |
-
Abril trae cor azul a Sanxenxo polo Día Mundial do Autismo
Por Raquel Currás Martínez |
-
O primeiro campus universitario de Galicia libre do fume do tabaco é o de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Asociación contra o Cancro solicita axuda de personas que falen ucraíno para atender os refuxiados enfermos
Por Redacción |