Convocan folga nas ambulancias do servizo programado e intrahospitalario pola falta de medios e a ruptura do acordo laboral
Por Anxo Lourido
O comité de empresa de Ambulancias Civera, con maioría da CIG, convocou unha folga para os días 5, 7, 19 e 21 de abril no servizo que esta concesionaria presta en Pontevedra, O Salnés e o concello de Bueu. Este mércores, representantes do comité con Xavier Aboi explicaban que as causas desta convocatoria se deben á falta de medios e á ruptura dos acordos laborais por parte da empresa con sede en Valencia.
Esta empresa facíase cargo deste servizo de traslado sanitario programado e intrahospitalario de pacientes o 1 de abril de 2021 ao adxudicarlle o Sergas a concesión por cinco anos, incluíndo a prórroga, cunha cantidade de 19 millóns de euros. Actualmente conta con 77 traballadores e 40 ambulancias para realizar entre 300 e 400 servizos diarios.
Pero Xavier Aboi denunciou as múltiples carencias que ofrece esta empresa: coches non homologados, sen ITV; roupa que non cumpre coas condicións do contrato; roupa non homologada, non lavada; EPIs de tratamento de enfermidades contaxiosas almacenadas en dúas ambulancias de substitución na base situada na Hermida; falta de caixóns para gardar material; falta de xabón; e cunha soa ducha e un retrete para todo o persoal.
O representante sindical tamén denunciou que a empresa carece do programa informático establecido nas bases da adxudicación para coordinar o servizo e sinalou que, nas fins de semana, esa coordinación realízase desde Valencia provocando situacións de confusión chegando a darse o caso dunha ambulancia realizando un servizo na Ribeira Sacra e desde Valencia recibir a orde para acudir a un hospital do centro de Pontevedra "en tres minutos". Aboi tamén denunciou que constan persoas falecidas na base de datos para realizar servizos de traslado.
Aboi: "Non levan porcos, levan pacientes"
"Non levan porcos, levan pacientes", alegou Xavier Aboi, explicando que este mércores mantiveran unha reunión con representantes da xerencia da área sanitaria, que lidera José Ramón Gómez, para reiterar estas denuncias. Segundo expoñen, desde a xerencia só indicaron que estudarán o tema.
A estes problemas, súmanse as cuestións de índole laboral. A empresa rompeu o acordo para que os traballadores que terminasen o seu contrato continuasen como fixos, seguindo o establecido no convenio de que o 90% do persoal como mínimo debe ser fixo. Aboi indica que este mes, seis traballadores deixarán Ambulancias Civera e, ao longo deste ano, serán 25.
No caso de que ao longo do mes de abril non se resolvan estas situacións, a folga será indefinida a partir de maio. "O culpable vai ser tamén o Sergas, porque é o responsable do benestar da xente", apuntou Aboi, aclarando que, durante a folga, os pacientes de diálises, oncoloxía e outras áreas de importancia sanitaria serán atendidos igualmente.
Relacionadas:
-
Traballadores das ambulancias da área sanitaria Pontevedra-Salnés denuncian graves carencias no servizo
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Desconvocada a folga de ambulancias do transporte programado da área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Xornada de portas abertas para futuros residentes no Hospital Montecelo
Por Redacción |