Meiro volve render homenaxe ao millo corvo despois do parón da pandemia
Por Redacción
O XXII Encontro- Degustación do Millo Corvo, nomeado Festa de Interese Turístico de Galicia, regresa esta fin de semana a Bueu despois do parón da pandemia da covid-19, que obrigou a suspender as dúas últimas edicións.
Organizado polo Concello de Bueu e a Asociación Cultural de Meiro, o evento regresa ao lugar de Meiro a partir do venres 1 de abril co obxectivo de dar a coñecer este produto tan típico e con tanta tradición na zona. .
O alcalde de Bueu, Félix Juncal; a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo; e Victoria e Estrella Martínez, directivas do colectivo cultural, presentaron este mércores o evento no recinto de A Morada.
Juncal e Carballo destacaron a importancia dun evento que se recupera para demostrar que "é máis necesario ca nunca apostar por produtos de proximidade", por iso é polo que este ano o Concello adoptou un papel máis activo na organización.
Dende a asociación levan meses cultivando as dúas leiras coñecidas como Chans e Agrosouto, das que colleitaron o millo co que se farán os produtos que se poderán degustar na Ecotaberna
O venres 1 de abril arrancará o programa coa tradicional Muiñada ás 18 horas nos Muíños do Canudo.
O sábado, ás 11.30 horas, abrirá a Ecotaberna no recinto da Morada, onde haberá produtos elaborados con millo corvo, entre eles, pan, empanadas, ovos con chourizo, e sobremesas como pastas ou bica. Este ano, como novidade, haberá cervexa artesá elaborada co produto estrela da festa. Marta Galán, mestra cervexeira de Alealé, presentará a cervexa a partir das 12.30 horas.
Tamén ás 12.30 horas, Andrés Reboreda impartirá unha charla sobre microorganismos autóctonos do solo como rexeneradores do medioambiente e a mañá rematará cun obradoiro e degustación de Pinchitos mexicanos a cargo de Mercedes Urbiola, e a actuación musical de DARTE, o grupo do conxunto 5 da ETRAD.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas terá lugar a charla 'Contaminación na casa' coa bióloga Sara González, seguida do obradoiro de iniciación á cosmética con Carmen Barreiro. Tamén está prevista unha presentación sobre 'O teu fogar como ferramenta de sanación', con Dolores Tobío e Xulio Fernández, e rematarase coa actuación do cuarteto Mediarea.
O domingo volverá abrir a Ecotaberna ás 11.30 horas. Á mesma hora, sairá unha ruta guiada da man de A Illa dos Ratos polos muíños do Canudo, para a que se requirirá inscrición previa no teléfono 611080853.
Ás 12.00 horas, Paolo Benincasa, investigador no Instituto Planck de Física en Múnich, impartirá a charla 'O millo corvo entre gastronomía. Historia e Ciencia' e a mañá rematará coa actuación musical da agrupación folclórica Trompos os pés.
Pola tarde, ás 17.00 horas, haberá unha mesa coloquio na que representantes das comunidades de montes veciñais conversarán sobre a multifuncionalidade do monte, Fina Carrillo impartirá un obradoiro sobre Encaixe de Horquilla e ás 19 horas Enrique Banet falará sobre o proxecto 'Corredores Verdes e agricultura ecosocial'.
Durante os días da festa proxectaranse os documentais Rexurdir do Millo Corvo e Testemuña dunha tradición.
Relacionadas:
-
Meiro celebra unha nova edición da súa degustación do millo corvo
Por Redacción |
-
O Pleno de Bueu aprobou o Plan Normativo para o ano 2022 que permitirá tramitar sete regulamentos
Por Redacción |
-
O Millo Corvo volve ser sinónimo de festa esta fin de semana en Bueu
Por Redacción |
-
Meiro acolle un novo encontro-degustación do millo corvo a próxima fin de semana
Por Redacción |