O Concello promove un roteiro de tapas para impulsar a hostelería de Cuntis
Por Redacción
Representantes do goberno local de Cuntis celebraron recentemente unha reunión co sector hostaleiro do municipio para consensuar accións conxuntas que contribúan a dinamizar o sector e faciliten unha plena integración da hostalaría local co perfil de turismo que visita o municipio.
A este primeiro encontro acudiron os concelleiros Conchi Campos e Jose Manuel Fernández Treviño e arredor dunha decena de hostaleiros que coincidiron en que Cuntis ten moito que ofrecer no eido gastronómico, sentando as bases para empezar a traballar nun novo concepto de gastrotapas.
Ambas as partes emprazáronse a unha nova reunión para empezar a definir unha iniciativa que en principio se desenvolverá os últimos fins de semana de abril e maio e que terá como único fío condutor a creatividade dos hostaleiros locais para deseñar unha tapa atractiva.
Os venres e sábados pola noite e os domingos en sesión vermut, a hostalaría local sorprenderá aos consumidores cunha tapa innovadora ou tradicional cos ingredientes e a elaboración que cada un escolla e o Concello de Cuntis encargarase da dinamización das rúas con música e actuacións.
A iniciativa está pendente de concretar pero o goberno local confía na implicación do sector para ofrecer un novo produto que permita ás decenas de persoas que se achegan ao Concello nas fins de semana gozar da gastronomía local nun formato tapa que pode completarse con menús pechados ou ofertas puntuais que cada establecemento pode ofertar en función da demanda.
Os datos de visitantes recollidos desde a Oficina de Turismo animan ao goberno local a poñer en marcha iniciativas que contribúan a dinamizar o consumo en Cuntis, de xeito que esas persoas que se achegan á vila atraídas polos recursos patrimoniais, polas visitas guiadas ou polas rutas de sendeirismo queden a comer ou a cear e descubran que Cuntis ten moito que ofrecer.
"Ese é un traballo que Concello e sector privado temos que facer conxuntamente e nós animamos aos hostaleiros a sumarse a esta iniciativa que estamos convencidos de que terá efectos positivos para todo o municipio”, apunta Manuel Campos, alcalde de Cuntis.