Solucionan os graves problemas de humidade na capela do cemiterio da Escuadra
Por Redacción
O Concello da Lama está realizando, con fondos propios, obras na capela do cemiterio da Escuadra, co fin de eliminar os graves problemas de humidade e preparala dun xeito adecuado para que poida ser utilizada pola comunidade veciñal.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, achegábase a coñecer o estado desta actuación e manifestaba que estes traballos de mantemento e de rehabilitación da capela dan resposta ás peticións veciñais realizadas neste sentido e que se mantiñan á espera de poder dispoñer de orzamento para ser acometidas.
Así mesmo, leváronse a cabo traballos de mantemento e mellora do espazo mortuorio municipal para atallar as deficiencias que polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxica se produciran.
Segundo manifestou Jorge Canda, "estamos acometendo estas obras con fondos propios e a medida que podemos porque as necesidades no concello son moitas e temos que ir resolvendo a medida que dispoñemos de fondos ou mesmo de persoal en moitos casos para resolver os problemas que nos plantexa a veciñanza".
"Penso que con estes traballos que se están facendo no cemiterio da Escuadra damos resposta ao que nos pedían os veciños e veciñas", remataba o alcalde da Lama.