Caldas estrea "Verdeciclos", un servizo de aluguer de bicicletas de montaña
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, inaugurou esta mañá o novo servizo de aluguer de "bikes" que promove a empresa "Verdeciclos", e que está situado en solo municipal xunto á Oficina de Turismo na Tafona.
Trátase dunha concesión municipal de solo público que foi outorgada á proposta promovida por Cristina Trigo e Carlos Sesto, que iniciaron hoxe a prestación deste servizo de aluguer por horas de bicicletas de montaña, fabricadas en España co sistema de asistencia ao pedaleo "Pedalec".
Esta nova oferta de mobilidade ecolóxica está dirixida a peregrinos, visitantes, turistas e á propia veciñanza que poderá gozar deste xeito da contorna natural e rural de Caldas, do seu patrimonio histórico e cultural e das súas paisaxes.
"Verdeciclos" recomenda tres rutas de entre nove e vinte kilómetros que se inician na Tafona: a Vía Verde, accesible dende a Tafona xunto ao río Umia, a ruta das fervenzas que une a de Segade e a de Barosa, e o Camiño Portugués ata Padrón, pero moitas outras tamén son posibles.
Para contratar o aluguer das bicicletas hai que facer as reservas a través da web www.verdeciclos.com ou descargando a App "Verdeciclos", que xa indica os pasos a seguir para retirar a calquera hora a partir das 8 da mañá a bicicleta reservada. Para o mínimo de tres horas de aluguer o prezo establecido é de 6 euros.
Para facer realidade este novo servizo os promotores contaron co apoio do Programa Estatal de Incentivos á Mobilidade Eficiente e Sostible (Programa MOVES II), cofinanciado polo Programa FEDER Galicia e o INEGA da Xunta de Galicia.
Juan Manuel Rey agradeceu "o esforzo dos promotores para poñer en funcionamento esta nova oferta que ven a enriquecer a oferta turística, de ocio e natureza en Caldas".