A Audiencia Nacional ve indicios de delito e envía a causa do Villa de Pitanxo a Marín
Por Natalia Puga
A causa xudicial aberta para investigar o naufraxio en augas de Terranova do buque Villa de Pitanxo asumiraa a partir de agora un xuíz de Marín. Así o acordou a Audiencia Nacional, que abriu as dilixencias iniciais sobre esta causa e detectou que hai indicios de delito no afundimento.
O Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional ditou un auto dado a coñecer este mércores no que recolle o informe previo da Fiscalía que sinala que hai indicios "suficientes" que permiten imputar, polo menos, 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e outros tantos contra os dereitos dos traballadores.
Pola súa banda, o xuíz, Ismael Moreno, sinala que nesta causa detéctanse "supostos delitos cometidos nun buque español afundido en augas internacionais", sen concretar cales serían eses delitos.
Tras escoitar á Fiscalía, considera que a causa non é da súa competencia, senón dun Xulgado de Instrución de Marín, por ser a localidade onde radica o porto basee do buque.
O citado auto recolle que o xuíz Ismael Moreno acordou enviar a investigación sobre o naufraxio a Marín "ao atoparnos ante supostos delitos cometidos nun buque español afundido en augas internacionais". O buque afundiuse o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova cando tiña unha tripulación de 24 persoas, dos que tres foron rescatados con vida, nove foron rescatados cadáveres e 12 continúan desaparecidos.
O auto do xuíz inclúe a doutrina do Tribunal Supremo e os tratados internacionais que recoñecen a soberanía e o exercicio da xurisdición penal ao Estado do pavillón do buque cunha extensión extra territorial da soberanía, co fin de evitar lagoas competenciais en alta mar.
Os feitos acontecidos no naufraxio, segundo o xuíz, "quedan asimilados aos feitos cometidos dentro do territorio español", quedando por tanto fóra da competencia da Audiencia Nacional. Era, precisamente, o argumento que utilizou a Fiscalía para solicitar que a Audiencia se inhibise en Marín.
O auto recolle que esta causa xudicial ten a súa orixe nun atestado da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, na que se recollen as declaracións dos tres sobreviventes: o patrón do buque, Juan Enrique Padín Costas; o seu sobriño, Eduardo Rial Padín; e o mariñeiro Samuel Kwesi Koufie.
Relacionadas:
-
Ás voltas coa causa do Villa de Pintanxo: o xulgado de Marín tampouco se ve competente e devólvea á Audiencia Nacional
Por Natalia Puga |
-
Aprobación unánime no Pleno de Marín dunha moción sobre o Villa de Pitanxo pedindo "baixar ao buque"
Por Diego Espiño |
-
Samuel Kwesi volve declarar ante a Garda Civil para puntualizar detalles e ratifica a súa versión
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
As familias dos falecidos reiteran a súa confianza nos xuíces, "sexan da sede que sexan"
Por Natalia Puga |
-
Samuel Kwesi asegura que o patrón e o armador presionárono para apoiar a súa versión do naufraxio
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia Nacional "non é competente", segundo a Fiscalía, para investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
Avanzan as investigacións sobre o naufraxio, agora centradas nas balsas salvavidas e os traxes que levaba a tripulación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A declaración dun dos tres sobreviventes dá un xiro á investigación do naufraxio
Por Natalia Puga |