As novas beirarrúas na PO-504, entre Sanxenxo e Vilalonga, comezarán a construírse en setembro
Por Redacción
Case catro quilómetros de novas beirarrúas, no treito da PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga, axudarán a mellorar a seguridade viaria nesta estrada autonómica. As obras, segundo a previsión da Xunta, comezarán o próximo mes de setembro.
Nesta actuación, que vén de sacar a licitación a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vanse a investir preto de 223.000 euros.
Trátase de actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade peonil e a seguridade viaria ao longo da estrada PO-504, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450.
Co deseño proxectado conséguese dar continuidade, pola marxe esquerda da estrada, a un itinerario de ancho axeitado para facilitar o paso dos peóns, ao mesmo tempo que se ordena o aparcadoiro e se melloran os vaos.
De xeito máis detallado, levaranse a cabo a ampliación da beirarrúa existente, onde esta non dispoña de anchura suficiente, e a creación de novos treitos de beirarrúa onde non existan.
Tamén se inclúen no proxecto a renovación de baldosas deterioradas na beirarrúa existente na marxe esquerda, a elevación da cota de beirarrúa, a reordenación do aparcadoiro na marxe esquerda ou a instalación de vallas de protección de contedores.
Ademais executaranse novos sumidoiros, procederase a recolocar os semáforos e a iluminación, á instalación de vallas de protección e ao repintado e creación dun novo paso de peóns no punto quilométrico 1+230.
Esta actuación complementa a mellora de seguridade viaria na estrada PO-504, entre os puntos 1+300 e 3+000, licitada o 11 de marzo por un importe de máis de 812.000 euros.
Relacionadas:
-
Convocan os propietarios afectados polas obras na PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Máis de 750.000 euros para mellorar a seguridade na estrada PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Setembro será o mes de inicio das obras na PO-504 en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sete empresas optan a executar as obras na estrada entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
A Xunta destina 970.000 euros a mellorar a seguridade viaria da PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Vía libre ás expropiacións para mellorar a seguridade viaria da PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de reforma da estrada PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |