A Deputación lanza 150 contratos formativos para ofrecer a "Primeira experiencia profesional"
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra lanza o programa "Primeira experiencia profesional", que ten como obxectivo dotar a estudantes de ciclos medios, ciclos superiores e graos dunha primeira experiencia para a adquisición de competencias e habilidades sociais e profesionais mediante un contrato formativo.
A Xunta de Goberno vén de dar luz verde ás bases deste programa que, cun orzamento de 2.340.000 euros, permitirá a contratación dun total de ata 150 persoas entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.
Estes contratos terán un máximo dun ano de duración e disporán de especial relevancia aqueles relacionados coa transición ecolóxica e a economía verde, a dixitalización de servizos, a cohesión social e o desenvolvemento local rural.
Así, mediante a "Primeira experiencia profesional", os concellos de ata 3.000 habitantes poderán realizar un contrato, os de entre 3.000 e 10.000 dous contratos e os de entre 10.000 e 50.000 habitantes un máximo de catro contratos.
A contía das subvencións dependerá do nivel de estudos das persoas beneficiarias, que deberán cumprir unha serie requisitos como estar en posesión da titulación esixida, estar inscritas como demandantes de emprego ou estar empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra.