Esborrállase unha parte do vello cinema de Combarro
Por Oskar Viéitez
Na madrugada deste sábado tivo lugar un desprendemento de parte da fachada de ladrillo e o tellado do coñecido como antigo cinema de Combarro.
Trátase dun edificio en ruínas situado xunto á igrexa parroquial.
O esborralle non produciu danos persoais nin afectou a ningunha outra infraestrutura ou inmoble.
Dado o estado de deterioración que presentaban o edificio, o Concello de Poio xa procedera hai algún tempo a precintar e valar o acceso como medida de precaución.
O concelleiro de Patrimonio, Xulio Barreiro, lembrou que esta parcela pertence ao Arcebispado. Nos próximos días reunirase co párroco de Combarro para estudar fórmulas para mellorar este espazo.