A 'cadea de mulleres' comeza a tomar forma nos muros de Eduardo Pondal
"Terra de mulleres, tempo de mulleres". Ese foi o lema da campaña municipal impulsada con motivo do 8M, o Día Internacional da Muller e, desde este mércores, a imaxe desta iniciativa vai a quedar plasmada nun muro da rúa Eduardo Pondal.
O mural artístico, que tivo que ser atrasado por problemas de intendencia, é obra da ilustradora e artista mural Diana Rodeiro, coñecida como 'Nana', en colaboración coa firma Culebra Studio.
Ocupará unha superficie duns 40 metros cadrados e exhibirá unha imaxe coa que se pretende subliñar o protagonismo da loita pasada e presente das mulleres, do feminismo, para alcanzar a igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades.
Así, aparecerán dúas mulleres unidas, diversas e de distintas xeracións, loitando xuntas e exhibindo sororidade, segundo explicaron este mércores os seus responsables.
As obras de instalación dos andamios, a preparación previa do muro (situado á altura do número 3 de Eduardo Pondal) e a colocación da pintura base foron as primeiras actuacións.
Esta peza, detallou Nana, "pretende ser un reflexo de que as mulleres estamos en todos os oficios, somos válidas para todo e loitamos cada día para que se nos respecte e teñamos as mesmas condicións laborais e sociais".
A artista nativa de Ordes explicou que xa está moi acostumada a executar intervencións como esta e que no seu currículo conta con murais en fachadas laterais de edificios e outras superficies bastante grandes en Vigo, Lisboa, Santiago, Ordes, Carballo ou Barcelona.
"Son xa case 20 anos pintando graffiti", subliñou Nana, formada na EASD Pablo Picasso e que conta cunha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, sempre amosando un estilo colorista e orgánico que fai que a súa obra claramente feminista sexa persoal e inconfundible.
A edil de Igualdade, Yoya Blanco, que acudiu a presenciar os primeiros avances do mural, destacou que esta obra "quedará de xeito perenne e será moi didáctica para todos aqueles e aquelas que pasen por Eduardo Pondal camiñando ou en coche".
Relacionadas:
-
Un obradoiro artístico xuvenil crea un novo mural reivindicativo en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Dúas mulleres loitadoras imperan no muro da rúa Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Unha cadea de mulleres unidas en loita realzará este muro de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
'Mulleres' reivindican a súa loita na programación para o 8M
Por Raquel Currás Martínez |