Unha cadea de mulleres unidas en loita realzará o muro degradado de Eduardo Pondal
Por Redacción
O muro situado á altura do número 3 da rúa Eduardo Pondal cambiará a súa actual imaxe de abandono coa exhibición dunha creación que forma parte da campaña 'Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres'.
Este programa deseñado pola concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do Día Internacional da Muller aborda esta nova acción reivindicativa. A partir do mércores 13 de abril, a ilustradora e artista mural Nana, en colaboración co equipo de Culebra Studio, realizará unha intervención artística neste muro.
A proposta ofrecerá unha pintura mural sobre unha superficie de 40 metros cadrados, dez metros de ancho e 4 de altura. A imaxe centrarase en reproducir unha cadea humana de mulleres fortes, agarradas, loitando xuntas pola defensa dos seus dereitos, cunha representación feminina diversa e interxeracional, segundo informan desde o departamento que dirixe a concelleira Yoya Blanco.
A artista galega Nana conta cunha ampla traxectoria en festivais de arte urbana, exhibicións e eventos como, entre outros, Mad Poster Art, San Fest, Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, Vigo Ciudad de Color ou Derrubando Muros con Pintura. Formada na EASD Pablo Picasso, esta creadora caracterízase por un estilo colorista e orgánico con elementos moi distintivos e feministas.