O 'Encontro' entre Cristo coa Cruz ao lombo e a Virxe abre o Venres Santo pontevedrés
Por Mónica Patxot & Redacción
O Venres Santo comezou en Pontevedra sen rastro da choiva que augou o inicio da semana e mesmo o martes obrigou a suspender a procesión de Jesús Nazareno e María Santísima da Esperanza. Sol, ceos despexados e temperatura agradable acompañaron a primeira cita relixiosa da xornada, a procesión do 'Encontro' que, tras saír de Santa María e San Bartolomé, xuntou os fieis na praza do Teucro.
A cita, preludio da habitualmente multitudinaria procesión do Santo Enterro que a partir das 20.00 horas saca á rúa a miles de persoas, resultou tamén moi concorrida a pesar do madrugador da convocatoria, con decena de fieis seguindo o percorrido.
A imaxe de Cristo coa Cruz ao lombo e a da Virxe saíron de forma simultánea ás 9.30 horas da Basílica de Santa María e a igrexa de San Bartolomé, respectivamente.
A comitiva que acompañou ao Cristo coa Cruz ao lombo e a da Virxe, formada por mulleres, avanzaron acompañando ás dúas imaxes polo centro histórico ata atoparse na praza do Teucro, onde se realizou o sermón, dentro do Viacrucis Penitencial.
Este Venres Santo a programación organizada pola Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra tamén inclúe Viacrucis en San José e Virxe do Camiño ás 12.00 e en San Francisco ás 19.00 horas e Oración de Vésperas e Rito do Desencravo na Basílica de Santa María ás 18.30 horas.
Ademais, hai oficios ás 12.30 horas na basílica de Santa María; ás 17.00 en San Francisco, San Bartolomé e Santiago Peregrino do Burgo; ás 18.00 en Virxe do Camiño e San José; ás 18.30 no santuario da Peregrina; e ás 19.00 no Bo Pastor de Monte Porreiro. Xa ás 20.00 horas será a procesión do Santo Enterro.
A programación da Semana Santa pontevedresa continúa durante a fin de semana. O Sábado Santo ás 20.00 horas comezarán as Vixilias Pascuais nos templos pontevedreses. Ás 20.00 horas será en Virxe do Camiño; ás 20.30, en San Bartolomé e Santiago Peregrino do Burgo; ás 21.00, en San Francisco; ás 22.00, en San José e a basílica de Santa María; e ás 22.30, no Bo Pastor de Monte Porreiro.
O Domingo de Resurrección o colofón será, ás 20.00 horas, a procesión do Encontro de Jesús Resucitado coa súa nai a Virxe María. O encontro levará a cabo na praza da Ferrería.
Relacionadas:
-
Conclúe a Semana Santa coa procesión do Encontro do Xesús Resucitado coa Virxe
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Multitudinaria procesión do Santo Enterro tres anos despois
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Pontevedra vive unha das grandes citas da súa Semana Santa coa procesión dos Pasos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A procesión do Santo Encontro enche de fieis as rúas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Mércores Santo coa procesión da confraría da Maior Dor dando fin á coresma
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A chuvia obriga a suspender a procesión de Xesús Nazareno e María Santísima da Esperanza
Por Mónica Patxot & Redacción |