Eliminado un punto de vertedura de augas residuais ao río Chaín en Portas
Por Redacción
Técnicos da Xunta de Galicia eliminaron un punto de vertedura de augas residuais que se detectou na parroquia de San Cristovo de Briallos, no Concello de Portas, na zona do río Chaín.
Nun operativo de inspeccións rutineiras, persoal do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, localizaba este foco. Os inspectores desprazados ata a zona lograban identificar a orixe desta vertedura nunha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona.
Segundo informa a Xunta de Galicia, os operarios tomaron mostras e realizaron unha analítica que mostraba a contaminación no punto de inspección. A continuación, Augas de Galicia notificaba a situación ao Concello de Portas para que adoptase as medidas necesarias para resolver o foco contaminante.
Pasados os días, os técnicos realizaron unha nova inspección e comprobaron que xa quedara enmedada esta vertedura de augas residuais.