"Cando tes medo da túa parella, aí deberían saltar todas as alarmas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Cando tes medo da túa parella, aínda que non saibas moi ben a que lle tes medo; cando o vaias ver e non saibas como vai ser o día ou a tarde ou a noite porque depende de como veña, aí deberían saltar todas as alarmas". A advertencia fíxoa este mércores Merchi Renda, axente de igualdade do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra e os destinatarios deste consello, un grupo de alumnas e alumnos de cuarto curso de ESO do instituto Valle-Inclán.
A intervención de Renda formou parte da primeira dunha serie de charlas para identificar violencias machistas que puxo en marcha o Concello este mesmo mércores nos institutos de educación secundaria da cidade despois de detectar un incremento no número de casos de violencia de xénero ao longo do ano 2021.
Búscase traballar na prevención e este mércores o instituto Valle-Inclán foi o primeiro en recibir a visita desta actividade, unha charla impartida por Renda polo CIM e Ángel Ruibal e Melisa do equipo de VioXén da Policía Local de Pontevedra.
Despois dunha introdución na que deixaron claros conceptos como sexo, xénero, orientación sexual ou identidade sexual, fixeron un repaso pola situación actual da violencia machista para concienciar ao alumnado da necesidade de estar alerta e axudar a identificar comportamentos machistas.
"Por que no ano 2020 temos que seguir falando disto", preguntouse Merchi Renda, e insistiu en que "non podemos esquecer de onde vimos e onde estamos; nunha sociedade patriarcal, é onde estamos, un sistema onde a dominación é masculina". Quixo aclarar, iso si, que non de todos os homes, pero que a orixe da violencia de xénero é esa sociedade patriarcal.
Ante dous grupos de estudantes de 15 e 16 anos, a axente de igualdade abordou todos os tipos de violencia sobre as mulleres, psicolóxica, física, económica, social e sexual; e os ciclos e evolución da violencia, que vai de menos a máis, unha escalada de comportamentos cada vez máis violentos que "vai ata onde o cortemos".
"Canto antes o cortemos, mellor", destacou, e quixo axudar ao alumnado a identificar comportamentos machistas, que no caso dos homes adoitan ter orixe no "concepto de facerse respectar" e, no das vítimas, nos conceptos do amor romántico.
A charla estivo acompañada de diapositivas ilustrativas como a que se achegou aos mitos do amor romántico a través dunha rapaza que vai comendo sapos. "Eses sapos que nos tragamos e nos levan a aguantar ese príncipe azul que é o amor verdadeiro e que vai cambiar" son a orixe de moitas situacións de violencia e Merchi Renda quixo facer "spoiler" e asegurar as alumnas que non, un maltratador nunca cambia e non deixa de maltratar.
Cando se fala de violencia de xénero, adoitase falar das vítimas asasinadas polas súas parellas, pero os crimes son só a punta do iceberg. Sobre iso falou Ángel Ruibal, que aclarou conceptos das Lei Integral de Loita contra a violencia de xénero e como foi un paso decisivo para deixar claro que a violencia machista "non é algo privado dentro da parella, afecta a todos".
O axente explicou que desde a Policía Local están a traballar en prevención con actividades con persoas novas para lograr frear unha escalada de violencia e tamén a negativa que se está a facer sobre a propia violencia de xénero. Citou un estudo segundo o cal entre a poboación de 15 a 29 anos o 21% considera que a violencia de xénero se esaxera e o 27% veno unha conducta normal na parella.
A este alumnado, tanto Ángel como Merchi quixeron deixarlle claro conceptos como o sexting ou que espiar o móbil dunha persoa é delito e "a rede non olvida", pero tamén que aprendan a detectar potenciais maltratadores.
"Se un mozo é machista, é máis susceptible de ser violento", aseguráronlle e tamén que "cando todas as súas ex son malas, ti vas ser a próxima. Aí hai un problema e teno el".
Relacionadas:
-
RADIO.- Medias laranxas ou laranxas enteiras?, falamos coa psicóloga e sexóloga Ana Castro Liz
Por Redacción |
-
Minuto de silencio na Subdelegación polo asasinato machista da veciña de Teis: "É unha lacra que non para"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
A provincia suma 1.304 casos en seguimento por violencia de xénero
Por Redacción |
-
O IES Valle Inclán celebra o Día de Europa
Por Redacción |
-
Detido un home de 37 anos que foi sorprendido por un axente fóra de servizo cando agredía á súa parella
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local e o CIM 'alíanse' para axudar o alumnado da ESO a identificar violencias machistas
Por Alejandro Espiño |
-
25N | "O crecente aumento de agresións que vivimos tras o estado de alarma obríganos a seguir traballando"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A protección das vítimas de violencia de xénero, unha cuestión de equipo na Policía Local de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |