Seis propostas chegadas desde Madrid, A Coruña e Ourense para remodelar o porto de Portonovo
Por Redacción
O concurso de ideas para remodelar o porto de Portonovo concluíu a fase de presentación de presentación de propostas. O seu xurado terá que decidir entre os seis proxectos que chegaron desde Madrid, A Coruña e Ourense.
Trátase dun proceso impulsado conxuntamente polo Concello de Sanxenxo e Portos de Galicia para reordenar os espazos da rada portonovesa. Nel tamén colaboran o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia.
O concurso recolle un orzamento total de 40.000 euros para os premios, dos cales 25.000 euros serán para o primeiro, 10.000 para o segundo e 5.000 para o terceiro.
Entre as directrices que deberán integrarse nas propostas técnicas que se presenten se establece como básico o mantemento das actividades portuarias.
Así, deberase respectar a pesca e as súas actividades complementarias como a lonxa, fábrica de xeo, departamentos para almacenaxe, nave de redes e superficies de traballo; o transporte de pasaxeiros ou a náutica deportiva, coa escola náutica ou a atracada para exhibición de embarcacións tradicionais; e as instalacións portuarias, entre elas o foso para travel lift e costa, superficie de varada ou a botadura e reparación de embarcacións.
Ademais, deben expor unha solución segura e fluída para o acceso rodado á zona portuaria, sen restricións de gálibos e coa posibilidade de convivencia con outros usos e futuras necesidades provocadas polo incremento da actividade.
A dotación de prazas de aparcamento, tendo en cuenta a contorna marcadamente urbana do porto, é outro dos requisitos recollido neste concurso de ideas.
Os parámetros para a puntuación primarán a calidade arquitectónica e enxeñeira, a viabilidade económica, o desenvolvemento construtivo da proposta, a sustentabilidade ambiental e a eficiencia enerxética, a redución da contaminación lumínica e a minimización dos custos de mantemento.