Valoran nuns cen mil euros o proxecto para mellorar a seguridade viaria e de servizos en Chancelas
Por Redacción
A Concellería de Urbanismo do Concello de Poio está a elaborar un proxecto para impulsar a mellora da seguridade viaria e de servizos no lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro. En concreto, o ámbito de actuación céntrase no Camiño Real, entre os de A Bouza e Urxeira.
Segundo sinala o concelleiro titular desta área, o socialista Gregorio Agís, o orzamento para levar a cabo esta actuación ascenderá a un total de 104.104 euros, IVE engadido, e será financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, na súa convocatoria correspondente a 2022.
Agís incide na importancia desta obra, que resulta "imprescindible", dado o estado de deterioro que presenta este tramo. Ao desgaste que provoca a circulación do tráfico rodado hai que engadirlle a escorrentía que se produce cando se rexistran precipitacións de certa intensidade. "Todo isto provoca que a situación de conservación do firme quede afectada moi negativamente", apunta o concelleirro do Goberno municipal, que explica que á hora de redactar o proxecto tívose en conta este feito, ao mesmo tempo que se inclúen medidas para o calmado do tráfico.
"Queremos que esta zona quede nas mellores condicións posibles, xa que o Camiño Real é moi utilizado pola veciñanza de Combarro", apunta o edil do PSdeG-PSOE.
A actuación levarase a cabo nunha superficie que chega ata case os 500 metros de lonxitude, contemplándose o asfaltado nunha extensión de preto de 2.300 metros cadrados. O proxecto contempla a dotación de cunetas de evacuación de augas pluviais, ademais do mencionado reasfaltado, que tamén servirá para mellorar o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona. A maiores, instalarase unha plataforma para o tránsito rodado de 4 metros de anchura, ademais dunha senda peonil.
"Desta maneira, acadamos unha integración sostible das parroquias de Samieira e Combarro en xeral e dos núcleos de Camiño Urxeira e Camiño da Bouza en particular", apunta Gregorio Agís, que recalca que as obras "conferirán a este tramo dunhas características especiais, que fomentarán o transporte sostible e o calmado do tráfico existente".
Esta actuación, lembra o concelleiro de Urbanismo, vai en consonancia co establecido no Plan de Mobilidade Urbanística Sostible (PMUS) para esta zona. O documento, aprobado en 2019 polo Goberno local, contempla, precisamente, a dotación de sendas peonís.
Relacionadas:
-
Buscan solucións para evitar que o alumnado de 3 a 5 anos do CEIP de Chancelas colla o transporte na PO-308
Por Redacción |
-
Vilaboa actuará en catro puntos do municipio para solventar o deterioro da rede viaria
Por Redacción |
-
A asociación veciñal 'Combarro', preocupada pola inseguridade da estrada PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
A senda costeira entre A Seca e Lourido será 'sendeiro azul'
Por Redacción |
-
En setembro comezará a mellora da PO-308 coa construcción da nova senda entre Fontenla e Combarro
Por Oskar Viéitez |