Chamamento aos marinenses para asistir á concentración pola sanidade pública o 28 de abril
Por Redacción
O BNG volve a convocar á veciñanza a asistir á concentración pola sanidade pública que se celebrará o vindeiro 28 de abril, ás 11:30 horas diante do Centro de Saúde de Marín.
A portavoz municipal de Marín, Lucía Santos, anima á cidadanía a asistir á concentración "como mostra de denuncia social ante a política de recortes e privatizacións que o PP leva aplicando na sanidade pública".
Os nacionalistas aseguran que os servizos de atención á cidadanía que ofrece o Centro de Saúde de Marín "continúan en estado precario", e sinalan as baixas de persoal médico que non son substituídas o que conleva días de espera para obter unha consulta médica e a falta de persoal administrativo que sigue ocasionando problemas na atención telefónica. Engaden que as citas médicas para fisioterapia ou dentista teñen un tempo de espera de varios meses.
Dende o Bloque argumentan que "as políticas de recortes e privatización de servizos na sanidade que leva aplicando Feijoo nos últimos 12 anos está levando ao desmantelamento da sanidade pública para beneficio da privada poñendo en perigo un servizo tan importante e esencial como é a atención sanitaria".
Lucía Santos manifesta que "non podemos permitir a normalización dos recortes na asistencia primaria polo que seguiremos demandando maior dotación de medios económicos e humanos por parte do Sergas".