Lucía Santos, candidata do BNG nas municipais de 2023: "Marín precisa un revulsivo"
Por Redacción
"Marín non pode permitirse o luxo de que o PP goberne o noso concello 4 anos máis. Marín precisa un revulsivo, un goberno coas ideas claras, cun proxecto definido e con iniciativa e ganas de mellorar a calidade de vida da veciñanza". Con este punto de partida, e coa idea de envorcar o resultado electoral e de apartar ao PP do Goberno local, Lucía Santos presentarase o vindeiro ano 2023 ás eleccións municipais en Marín.
O BNG de Marín presentou esta xoves a Lucía Santos como candidata á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de 2023, nun acto que contou coa participación de militantes da localidade, e dos responsables comarcais da formación no Morrazo e en Pontevedra, Paulo Ríos e Demetrio Gómez.
O BNG de Marín iniciou hai varios meses un proceso de debate interno no que se realizou unha valoración do traballo realizado nestes anos e analizou o futuro inmediato e os desafíos aos que se enfronta o concello.
Despois dese proceso, o responsable local do BNG, Xurxo Agra, afirma que están "razoablemente satisfeitos do traballo realizado" e tamén do resultado das últimas municipais de 2019, cando quedaron a tan só 23 votos de acadar o segundo representante.
Durante o actual mandato, tamén destaca que están a facer unha "firme oposición á negativa xestión do PP á fronte do Concello". Considera que a súa labor é "construtiva", coa presentación de numerosas propostas.
En canto ao futuro, Xurxo Agra afirma que o BNG ten o foco posto en "incrementar dun xeito importante" a representación no Concello e "ser o axente principal do cambio que Marín precisa".
Tendo todo isto en conta, a Asemblea Local do BNG de Marín acordou por unanimidade outorgar a plena confianza a Lucía Santos para encabezar novamente a candidatura do BNG de Marín nas vindeiras eleccións municipais de 2023.
De Lucía Santos destaca como cualidades "traballo abnegado, paixón, empatía, proximidade, escoita activa, transparencia, tranquilidade, motivación, positividade, resiliencia, perseverancia, responsabilidade, confianza, integridade e xenerosidade".
Lucía Santos manifestou a súa "gran ilusión" polo nomeamento e o seu agradecemento á militancia do BNG de Marín por depositar a súa confianza nela. Sinalou que está "enormemente orgullosa" do traballo realizado, agradecida aos compañeiros e compañeiras, e "ilusionada" ante os retos que ten por diante.
A portavoz municipal do BNG de Marín lembrou que o Concello "atópase en caída libre desde a chegada ao goberno local do PP de María Ramallo", cuns datos demográficos "dramáticos" que poñen en evidencia "a incapacidade e incompetencia deste goberno".