O certame Foto Ágora premia as 32 imaxes que mellor amosan que as persoas son as destinatarias do espazo público
Por Redacción
O certame de fotografía sobre o espazo público da Deputación de Pontevedra, Foto Ágora, entregou este xoves os seus 32 galardóns premiando imaxes simbólicas e de grande forza que amosan que as persoas deben ser as principais destinatarias do espazo público para mellorar a súa calidade de vida.
Os recoñecementos –que alcanzan os 40.000 euros- entregáronse nunha gala moi orixinal que se desenvolveu no espazo ao aire libre na fachada do Pazo Provincial que dá ao Parque das Palmeiras. Alí recreouse un 'salón de estar' dunha casa nunha metáfora: que as rúas e prazas das vilas e cidades deben ser o lugar no que a cidadanía se sinta máis cómoda.
O xurado explicou que as imaxes premiadas "recolleron perfectamente todos e cada un dos dez principios da Rede Ágora de maneira visual e atractiva", facendo que as mensaxes que defende a Deputación de recuperar os espazos públicos públicos para as persoas fronte aos vehículos "sexan claramente identificadas por calquera que as vexa".
O primeiro premio foi para Víctor Manuel Lorenzo Santiago, un entusiasta da fotografía do Concello de Marín. A súa peza ten o título de 'Síntome un máis' e foi feita na praia do Bao, na Illa de Arousa, amosando unha persoa en cadeira de rodas diante dunha bicicleta, circulando nunha zona accesible para persoas con dificultades de mobilidade.
Esta imaxe foi presentada dentro da categoría de 'Mobilidade inclusiva', un dos principios Ágora que segundo o deputado Uxío Benítez defende que o espazo público é un dereito xa que é o único que é de todas as persoas, sen distinción de raza, sexo, idade, condición social, capacidade física ou psíquica.
O nacionalista subliñou que é obriga dos gobernos garantir a accesibilidade universal, promovendo espazos públicos como elementos de equidade e inclusión social, atendendo de maneira prioritaria as necesidades dos colectivos máis vulnerables: nenas e nenos, persoas maiores e persoas con diversidade funcional.
O segundo premio foi para Francisco Javier Arcenillas Pérez, fotógrafo e editor, que conta no seu currículo con importantes premios internacionais. Trasladouse a Pontevedra dende Alcobendas (Madrid) para facer unha fotografía na Praza da Ferrería na que amosa a unha nena pequena xogando soa entre ducias de pombas.
A imaxe foi presentada na categoría 'As persoas primeiro', que defende que é preciso devolverlle ás persoas un espazo público no que desenvolver unha socialización axeitada. Por ter sufrido un accidente que o impediu estar en Pontevedra, agradeceu o seu premio por videoconferencia amosándose moi satisfeito polo galardón.
PREMIOS PRINCIPIOS ÁGORA
No caso dos Principios Ágora, entregados polo deputado Uxío Benítez, os premios foron para a imaxe 'O espazo público é un dereito', na categoría homónima, do autor Iago Manoel Souto Lorenzo, do concello de Ponte Caldelas, que reflicte unha vista do paseo de Vilagarcía de Arousa cheo de xente gozando do día.
O principio 'As persoas primeiro' foi para Mónica Vila Ferreiros, de Vilanova de Arousa, cunha imaxe a vista de dron da Praza de Fefiñáns de Cambados, na que unha persoa está tumbada no empedrado gozando dun espazo que antes era para a circulación de vehículos.
Tamén é para esta autora o premio do principio 'Mobilidades alternativas', unha imaxe que amosa a utilización da bicicleta como vía de transporte saudable, e o premio 'Espazos amables e de calidade', cunha fotografía tomada no Paseo de Vilaxoán (Vilagarcía) na que se ve un paseo que ten un gran espazo para a circulación peonil e tamén un carril bici.
'A movilidade inclusiva' é o premio que gañou Rosi Pardal Aragunde, do concello de Valga, cunha gran fotografía na que unha persoa en cadeira de rodas é empurrada por unha moza que vai en patíns nun carril bici. Tamén recibiu o galardón polo principio 'Autonomía infantil' coa imaxe 'Pedra, papel, tesoira' na que amosa a necesidade das crianzas de ter espazos públicos seguros, segundo destacou Uxío Benítez, quen subliñou que a presenza de nenos e nenas nas rúas das vilas da provincia é un indicador de que se trata de ambientes ben deseñados.
O principio 'Espazos seguros' levou o premio a Héctor Rodríguez Del Oro, un fotógrafo afeccionado que na súa vida profesional desenvolve elementos de seguridade para contornas urbanas. A súa imaxe foi feita na Ponte do Burgo de Pontevedra baixo o título 'Duplicidade'.
Rodríguez tamén foi premiado na categoría de 'Actividade económica e proximidade', cunha imaxe de Mondariz, sobre a que o responsable provincial de Mobilidade subliñou que amosa a importancia da vida e o comercio na rúa, posible só cando os espazos se liberan de vehículos e se recuperan para as persoas.
O galardón da categoría 'Hábitat saúdable' foi para Gaspar Antonio González Somoza, do Concello de Vilagarcía de Arousa coa imaxe con título 'Punto de encontro', na que se reflicte a idea de promover espazos amables e seguros e a necesidade de fomentar unha mobilidade activa.
Finalmente, o premio do principio 'Mobilidade sostible' foi para Agustín Iglesias Otero, do concello de Lousame en A Coruña, pola imaxe 'En familia, sobre rodas' que capta a circulación por un paseo de dous adultos e dúas crianzas que utilizan a bicicleta en medio dunha contorna cun paseo adaptado e libre de vehículos.
A DEPUTACIÓN, AXENTE DO CAMBIO
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que "este certame de fotografía reflicte como este novo modelo que estamos a desenvolver xa logrou a concienciación da xente porque todas as persoas que fixeron estas fotografías son verdadeiros axentes dese cambio".
"Todas e cada unha destas fotografías, dixo, son o reflexo dunha provincia que nos últimos sete anos viviu unha enorme transformación que mellorou a vida da xente, dun xeito particular a través da recuperación do espazo público", destacou na gala.
A presidenta fixo tamén fincapé na importancia que este feito ten tamén no eido da igualdade xa que "rachou cun modelo urbano masculinizado, pensado por e para eles, que resultaba hostil para as crianzas, as persoas dependentes ou con mobilidade reducida, todas elas ao coidado principalmente das mulleres".
Así, proseguiu Carmela Silva, "estas imaxes amosan a nosa provincia dende os ollos da veciñanza que son as e os verdadeiros donos do espazo público e ante quen as administracións temos a obriga de corrixir os erros do pasado, tomar decisións con valentía como estamos a facer e dedicar recursos para construír, a través de actuacións como as aquí amosadas, sociedades máis colectivas, xustas, igualitarias e, sobre todo, democráticas".
O vicepresidente César Mosquera, pola súa banda, destacou a forza coa que se está a impulsar na provincia a recuperación do espazo público grazas a unha iniciativa como a 'Rede Ágora', que nestes momentos consta de 54 concellos nos que se aposta por centrar os deseños urbanos nas persoas con moi diferentes actuacións.
Mosquera sinalou a importancia de ter valentía política para levar adiante obras que inicialmente poden non ser ben recollidas pola cidadanía, aínda que destacou que a poboación en xeral está a demandar que se recupere espazo público cada vez máis. "Este modelo é imparable", subliñou.
Estes galardóns pretenderon valerse da fotografía urbana, unha disciplina que concibe as vilas e cidades como ecosistemas nos que o ser humano se relaciona entre si e coa contorna, para amosar como a cidadanía fai uso dos espazos públicos de calidade cando son recuperados fronte á invasión dos automóbiles. A convocatoria foi un total éxito e presentáronse 297 imaxes.
O tribunal dos premios estivo formado pola presidenta da Deputación -e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos -funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.
COGAMI, PROTAGONISTA DO MOMENTO EMOTIVO DA GALA
Un dos momentos máis emotivos da entrega de premios foi o peche da categoría dos accésit, xa que a última imaxe premiada tiña unha historia moi especial.
Cando se lle informou dende a Deputación á persoa que figuraba como titular da imaxe, María Helena Cabral Alfonso, que era posuidora dun galardón ela mandou un mail no que explicaba que é a pedagoga do centro de día para persoas con discapacidade de Cogami, en Monte Porreiro, "e que o premio non me corresponde, senón que nos corresponde".
Foi por iso que asegurou "non podo presentarme como unha premiada, xa que é un premio para un equipo informal de persoas as que eu representei. Para nós, a recompensa era participar, ao tempo que visibilizar ás persoas con discapacidade nestes premios que versan sobre a mobilidade inclusiva, participación e inclusión social". No nome do centro recolleu o premio Gonzalo Garcia Rodriguez.
Entre a vintena de accésits entregados, un foi para Cristina Saiz Abelleira, fotógrafa de PontevedraViva, que presentou unha imaxe titulada "Hora do paseo", feita na Avenida de Bos Aires de Pontevedra.
Rosi Pardal Aragunde (2) de Valga, Iago Maniel Souto Lourenzo (2) de Ponte Caldelas, Víctor Manuel Lorenzo Santiago (1) de Marín, Mónica Vila Ferreirós (1) de Vilanova, Gaspar Antonio González Somoza (1) de Vilagarcía ou Elías Gómez Pérez (1) de Cambados lograron accésits.
A lista de premiados completouse con Gonzalo Arnejo Meijueiro (1) de Madrid, Agustín Iglesias Otero (3) de Lousame, Héctor Rodríguez del Oro (1) de Pontevedra, Martina Oubiña Miser (1) de Cambados, Iñaki Abella Diéguez (1) de Vilagarcía, Martín Barreiro Cruz (1) de Moaña, José Manuel Domínguez Ventín (1) de Pontevedra e Ana Gómez Ferreira (1) de O Grove.
Ademais da gala que se celebrou este xoves, tamén se abriu ao público a exposición coas imaxes seleccionadas no vestíbulo do Pazo Provincial. Alí se realizou unha instalación efémera con caixas de cartón simulando un cubo negro, no que as propias persoas premiadas instalaron as imaxes gañadoras.
Dende este venres a mostra variará o seu aspecto, que tamén mudará en función dos lugares aos que se traslade nos concellos Ágora da provincia.
Relacionadas:
-
RADIO.- Cristina Saiz retrata física e emocionalmente á xeración millennial
Por Marisa Ciordia |
-
Conceden a distinción Profesional Colexiado do Ano aos arquitectos Xosé Manuel Rosales e José Luis Pereiro
Por Redacción |
-
A Deputación sinala a Vilagarcía como un referente do 'Modelo Ágora'
Por Redacción |
-
Premios #FotoÁgora, unha filosofía sobre o espazo público resumida en imaxes
Por Noticia patrocinada |
-
O certame de fotografía #FotoÁgora xa ten gañadores
Por Redacción |
-
O xurado de Foto Ágora comeza a selección para premiar ás mellores fotografías sobre o espazo público
Por Redacción |
-
6.000 euros de premio á fotografía urbana que mellor amose os cambios nos espazos públicos da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación convoca un certame de fotografía sobre o espazo público
Por Redacción |